Ucraína avanza na contraofensiva e faise con cinco asentamentos

A OTAN comeza as manobras en Europa central coas que pretende enviar unha mensaxe a Rusia no contexto da invasión de Ucraína.
Edificio danado en Odesa. (Foto: Ukrinform / DPA)
photo_camera Edificio danado en Odesa. (Foto: Ukrinform / DPA)

Até 25 batallas decorreron nas anteriores 24 horas nas rexións de Donetsk e Luhansk, sostivo a segunda feira o Exército ucraíno, tras a confirmación oficial de que a súa contraofensiva militar xa estaba en marcha e máis dunha semana despois da constatación do inicio de accións ofensivas por parte de Kíiv.

Medios especializados ratifican que os militares ucraínos gañaron o control de cinco asentamentos na fronte de combate, mais advirten que se atopan en zonas baixas tras o repregamento das forzas rusas ás posteriores liñas de defensa.

Así e todo, a BBC alerta de que estas ganancias territoriais son “emocionantes para Kíiv e os seus aliados, do que escoitaremos menos é dos lugares onde o progreso foi máis lento ou inexistente”, explicando que “na rexión de Zaporijia perdéronse moitos homes e equipos mentres Ucraína investiga as debilidades” das Forzas Armadas rusas. Pola súa parte, o Ministerio de Defensa de Rusia indicou que as súas tropas repeleron os ataques ucraínos en Donetsk e Zaporijia.

Aliás, Kíiv acusou Moscova de facer estoupar un encoro no río Mokri Yali, na vila de Klyuchove, que atribúen a unha tentativa de frear a contraofensiva, o que aínda “non se puido verificar de forma independente”, salienta The Guardian, case unha semana despois da destrución do encoro de Nova Kakhovka, cuxa autoría non fica clara e que provocou inundacións masivas no último tramo do río Dniéper antes de chegar ao mar Negro.

Ao respecto da iniciativa humanitaria de exportación de gran polo mar Negro, António Guterres, secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, subliñou que “estou preocupado” de que Rusia non acepte unha nova prórroga máis alá do 17 de xullo, destacando o esforzo “para que poidamos continuar co noso traballo para facilitar as exportacións rusas”, cuxo bloqueo por parte dos países occidentais non permite cumprir o pactado, que tamén inclúe a exportación de amoníaco por un conduto que Moscova culpou Kíiv de atacar.

Manobras da OTAN

Xa en Europa central e coa coordinación de Alemaña comezou o Air Defender 23, un exercicio aéreo da Organización do Tratado do Atlántico Norte con 250 avións militares de 25 Estados que simula un ataque contra membros en Europa da alianza militar liderada polos Estados Unidos. Precisamente a embaixadora de Washington en Berlín, Amy Gutmann, considerou que a operación envía unha mensaxe a Rusia.

Comentarios