Os 'tories' preparan primarias após a dimisión de Liz Truss

O Reino Unido terá o seu terceiro primeiro ministro en menos de dous meses por mor da renuncia de Liz Truss, que non aguantou a presión interna e externa a pesar da renuncia nas últimas semanas ás principais medidas neoliberais que quería pór en marcha, e que, en última instancia, acabaron por provocar a súa caída.
A primeira ministra do Reino Unido, Liz Truss, anunciando onte a súa renuncia. (Foto: Kirsty O'connor / PA Wire / dpa)
photo_camera A primeira ministra do Reino Unido, Liz Truss, anunciando onte a súa renuncia. (Foto: Kirsty O'connor / PA Wire / dpa)

“Non podo cumprir o mandato co que fun elixida polo Partido Conservador”, recoñeceu onte a primeira ministra británica, Liz Truss, que renunciou ao liderado do Estado e da formación apenas 45 días despois de relevar a Boris Johnson, 73 días antes de superar a marca de George Canning, no século XIX, que até o de agora era o primeiro ministro cun mandato máis curto, após morrer 
no cargo.

Malia que poucas horas antes aínda sostiña que remataría a lexislatura, Truss tivo que ceder perante as peticións públicas de dimisión de até 17 deputados, ao que hai que sumar os movementos internos para premela e que anunciase a súa dimisión.

Truss, que se manterá no posto até que sexa elixida a persoa que a sucederá, recoñeceu que a súa marcha é necesaria para “seguir no camiño de manter a estabilidade económica e a seguridade nacional do noso país”, culpando tamén o “momento de grande inestabilidade económica e 
internacional”.

O principal responsábel de que só unha de cada dez persoas do Reino Unido apoie a primeira ministra é o programa económico de corte neoliberal que a impulsou á vitoria nas primarias conservadoras. Os 50.000 millóns de euros que perdería o Estado polo seu plan de redución de impostos -principalmente ás grandes fortunas— recibiu as advertencias de entidades como o Fondo Monetario Internacional e o Banco de Inglaterra, que tivo que intervir para evitar a caída da libra perante a perda prevista de capacidade da Administración para enfrontar unha recesión agardada.

A súa defensa da iniciativa foi minando a lexitimidade da primeira ministra, que acabou por recuar na inmensa maioría das medidas que propuxera e forzou a dimisión do ministro de Economía, Kwasi Kwarteng, para evitar a perda de apoios.

Sucesión

A responsabilidade de organizar o proceso de selección dun novo liderado recae no Comité 1922 do Partido Conservador. O seu presidente, Graham Brady, anunciou tras falar coa dirección da organización que “será posíbel realizar unha votación e concluír unhas eleccións a sexta feira 28 de outubro”, confirmando que agardan que a toma de posesión se produza a máis tardar o 31.

Asemade, insinuou que os arredor de 200.000 militantes tories participarán na elección, o que suxire unha votación telemática. Nas vindeiras xornadas farase público o método definitivo, ao resultar case imposíbel de aplicar pola marxe de tempo o sistema dos anteriores procesos, consistente en que os deputados conservadores se encarguen de reducir as opcións a dúas candidaturas por medio de sucesivas votacións, para que os integrantes da formación elixiran entre elas o primeiro ministro.

Despois do acontecido nos últimos meses, “será moi difícil para os conservadores unirse en torno a un novo líder”, incide Peter Walker, correspondente de política de The Guardian, que alerta do risco de ruptura na formación, pois a elección dunha persoa moderada “fará explotar” a á máis a dereita do partido, mentres que un perfil semellante a Truss “corre o risco de que se reactive o caos no mercado”.

O primeiro nome en ser mencionado polos medios conservadores foi o do predecesor de Truss, Boris Johnson, cuxa candidatura é “agardada”, publicou The Times. Nos últimos días, varios dirixentes conservadores propuñan esta vía.

Porén, entre a dirección a opción predilecta é un liderado conxunto entre os ex ministros Rishi Sunak e Penny Mordaunt, que quedaran en segundo e terceiro lugar nas primarias conservadoras.

Os xornais locais tamén apuntan á posibilidade de que Suella Braverman presente a súa candidatura. Braverman dimitiu hai 48 horas como ministra de Interior por violar os protocolos de seguridade. 
Outra das posíbeis opcións son Kemi Badenoch ou Ben Wallace, que forman parte do gabinete actual.

As eleccións máis temidas polos 'tories'

A reacción case unánime do resto das formacións políticas do Estado é a reclamación dunha convocatoria electoral para superar a inestabilidade política instalada no territorio. Un chamamento que foi encabezado polos mandatarios de Escocia e Gales, Nicola Sturgeon e Mark Drakeford, e ao que se uniron laboristas, verdes, demócratas liberais e soberanistas escoceses, que criticaron a incapacidade dos conservadores de xestionar a Administración.

Así e todo, esta é a saída máis temida polos conservadores tras perder a imaxe de honestidade con Johnson e a de bos xestores económicos con Truss. Un medo que amais é coherente coas últimas enquisas, que sitúan o Partido Laborista con case 30 puntos de vantaxe.  E o que é peor para os tories, o sistema electoral do Reino Unido permitiría aos laboristas obter 507 dos 650 escanos do lexislativo, co Partido Nacional Escocés por diante dos conservadores, revela unha enquisa de Electoral Calculus.

No caso de que os conservadores resistan no poder, poden alongar a lexislatura até comezos de 2025.

 
 

Comentarios