Truss será nomeada hoxe como primeira ministra do Reino Unido

Truss imponse a Sunak polo liderado conservador co 57% dos apoios da militancia do Partido Conservador.
Liz Truss onte en Londres. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / dpa)
photo_camera Liz Truss, nesta segunda feira, en Londres. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / dpa)

O Partido Conservador comunicou onte o resultado da votación entre a súa militancia para elixir a persoa que substitúa a Boris Johnson á fronte da formación e do Reino Unido. Finalmente, após participar máis de 140.000 persoas, Liz Truss foi a seleccionada, e recibirá hoxe da raíña Sabela II o encargo de formar Goberno.

Truss, actual ministra de Asuntos Exteriores e a opción defendida por Johnson, superou a Rishi Sunak, ex titular de Economía, por 57,4% a 42,6% dos sufraxios; segundo refire The Guardian, das catro votacións xerais ao liderado conservador, esta é a única ocasión na que a candidatura vencedora non superou 60% dos votos.

Nunha intervención ao coñecerse os resultados, a nova primeira ministra -a cuarta en seis anos- reiterou que presentará un plan “para reducir impostos e facer crecer a nosa economía”, comprometéndose a “gobernar como conservadora”.

Ao tempo, puxo en valor o que considerou éxitos da xestión do seu predecesor, que definiu como “amigo”, como o brexit, a campaña de vacinación contra a Covid 19 ou o apoio a Ucraína fronte a Rusia.

Pola súa parte, Johnson solicitou á formación que apoie a Truss “ao cento por cento”, trasladando o “orgullo” polo seu mandato. A súa dimisión o 7 de xullo por mentir sobre se coñecía as acusacións de acoso contra un líder conservador, o que provocou unha revolta interna, foi o detonante para o proceso de elección dun novo mandatario.

Truss herdará a maioría absoluta obtida polos conservadores en 2019, e, a pesar de que os laboristas encabezan as sondaxes, poderá estender o seu mandato até xaneiro de 2025.

Amais dos efectos da seca que padece o Reino Unido, Truss terá que enfrontar unha abrupta suba de prezos que está afectando o apoio recibido polo Partido Conservador, especialmente no ámbito da electricidade, que levou a aumentar o tope legal ás facturas da luz até 4.200 euros anuais.

Pugna coa UE

Entre as primeiras felicitacións á nova primeira ministra estivo a de Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, que asegurou que “agardo unha relación construtiva, en pleno respecto dos nosos acordos”.

En xuño, a Unión Europea reactivou a reclamación xudicial contra Londres pola norma aprobada polo gabinete de Johnson, que modificaba os termos comerciais no referente á fronteira entre Irlanda e Irlanda do Norte, que foran acordados para executar o brexit.

Comentarios