Dimite Liz Truss após levar só 45 días no cargo: A leituga de 'The Daily Star' gaña á xa ex primeira ministra

Liz Truss anuncia a súa dimisión como primeira ministra do Reino Unido. (Foto: Europa Press)
photo_camera Liz Truss anuncia a súa dimisión como primeira ministra do Reino Unido. (Foto: Europa Press)

Liz Truss, até o de agora primeira ministra do Reino Unido, vén de presentar esta quinta feira a súa dimisión, que non se fará efectiva até que o Partido Conservador escolla un substituto ou substituta.

A dirixente abandona o 10 de Downing Street após 45 días no cargo. (Foto: Europa Press)
A dirixente abandona o 10 de Downing Street após 45 días no cargo. (Foto: Europa Press)

Truss, que foi investida o pasado 6 de setembro, compareceu ás aforas de Downing Street para anunciar a súa renuncia. Previamente comunicara a súa decisión ao novo monarca británico, Carlos III.

A pesar de asegurar en varias ocasións que non abandonaría o seu cargo, a xa ex primeira ministra xustificou na súa comparecencia que “é a mellor decisión para manter o Reino Unido nunha condición económica estábel”.

Neste sentido, Liz Truss convértese na dirixente británica cun mandato máis curto da historia democrática do país. De feito, o tabloide The Daily Star lanzou a pasada semana unha ‘aposta’ na que preguntaba aos lectores e lectoras quen aguntaría máis: Truss no seu cargo ou unha leituga dun supermercado fresca.

Após coñecerse a renuncia, o propio The Daily Star compartiu un vídeo no que se pode ver a hortaliza ‘celebrando’ a súa vitoria, xunto cun retrato da ex primeira ministra boca abaixo.

Inestabilidade no Reino Unido

Coa dimisión de Truss, son xa catro as xefaturas de Goberno no Reino Unido que se ven obrigadas a renunciar en menos de seis anos. Antes da dirixente conservadora, foron Boris Johnson, Theresa May e David Cameron os que anunciaron a súa marcha prematura do poder, tanto por tensións internas do Executivo como pola situación política e social do país.

No caso de Liz Truss, as presións de deputados e deputadas ‘tories’ -até 17 integrantes do Partido Conservador- pedindo a súa renuncia foron as que motivaron a súa saída de Downing Street.

A proposta económica da ex primeira ministra, presentada a finais de setembro e que supoñía un recorte de impostos ás clases máis altas por valor de case 43.000 millóns de libras, abriu unha crise institucional que menos de dous meses despois levou por diante Truss.

Na xornada de onte, a marcha da ministra de Interior, Suella Braverman, sumada á dimisión a pasada semana do titular de Economía, Kwasi Kwarteng, dificultou aínda máis a continuidade de Liz Truss no seu cargo.

Comentarios