Rishi Sunak e Liz Truss pugnan por liderar o Goberno do Reino Unido

A ministra de Asuntos Exteriores leva a dianteira nas sondaxes.
Rishi Sunak (esquerda) e Liz Truss (dereita). Un dos dous será o novo líder conservador e primeiro ministro británico. (Fotos: DPA)
photo_camera Rishi Sunak (esquerda) e Liz Truss (dereita). Un dos dous será o novo líder conservador e primeiro ministro británico. (Fotos: DPA)

O próximo 5 de setembro, o Partido Conservador anunciará quen ocupará o liderado da formación e ao tempo será investido como primeira ou primeiro ministro do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, en substitución de Boris Johnson, que até esa data actuará en funcións.

A última palabra terana os arredor de 200.000 militantes da formación, que votarán por correo postal ou de forma telemática entre as dúas candidaturas resultantes do sufraxio das lexisladoras e lexisladores, encargados até a semana pasada de reducir o número de nomes até a decisión final. Tras quedar fóra na última rolda a principal favorita, a ex ministra de Defensa Penny Mordaunt, os aspirantes son o ex ministro de Economía, Rishi Sunak, e a titular de Asuntos Exteriores, Liz Truss.

Este foi o punto de saída da campaña electoral real, que levou Sunak e Truss a percorrer nas últimas xornadas as agrupacións conservadoras ao longo do territorio para explicar as súas propostas. Amais, xa se enfrontaron nun debate electoral a pasada segunda feira na BBC, que repetirán o 4 de agosto en Sky News. Está é a última oportunidade de Sunak para intentar recuperar a vantaxe que posúe Truss desde o comezo desta fase final, cando contaba con 19 puntos porcentuais ao seu favor (54% a 35%) entre a militancia.

Os dous defenden que aplicarán as receitas que levaron ao fracaso ao gabinete actual -amais dos escándalos recorrentes- como son reducir o investimento público por medio dunha baixada de impostos á poboación con máis ingresos e fomentar o investimento no sector privado. Porén, teñen diferenzas no seu perfil e na maneira de querer aplicar estas medidas.

Rishi Sunak

Nado en 1980, Sunak estudou Filosofía, Política e Economía na Universidade de Oxford, antes dun posgrao en Standford. Antes de entrar na Cámara dos Comúns foi analista en Goldman Sachs. Está casado cunha das mulleres máis ricas do Estado, Akshata Murthy, filla dun millonario indio e cun status especial no país que lle permite non pagar impostos polos beneficios obtidos no estranxeiro.

Durante a súa etapa en Economía negouse a aumentar o gasto social no medio da pandemia de Covid-19. A súa principal proposta, explica The Guardian, é a austeridade fiscal, comprometéndose a baixar impostos a finais de 2023, cando estima que remitirá a suba da inflación.
O seu nome foi mencionado por Johnson reclamando non votar por el, tras ser a súa unha das primeiras dimisións que forzou a rebelión que acabou co mandato do aínda primeiro ministro.

Liz Truss

Nada en 1975, tamén estudou Filosofía, Política e Economía na Universidade de Oxford, chegando a ser subdirectora do grupo de expertos Reforma, antes de entrar no lexislativo.

É a candidata apoiada por Johnson, após permanecer fiel até o último momento, e xa ocupou posicións destacadas no Executivo de David Cameron e mais no de Theresa May. Con todo, o seu papel máis destacado foi no actual gabinete, onde é a titular de Asuntos Exteriores e de Muller e Igualdade. A diferenza de Sunak, reitera que baixará impostos o máis cedo posíbel se acaba por ser elixida primeira ministra.

As enquisas favorecen o Partido Laborista

A pesar de que a convocatoria de eleccións anticipadas estivo sobre a mesa na última crise do Goberno de Johnson, reclamada polo laborismo, polo de agora, apuntan medios locais que non é probábel que se adianten uns comicios que terían que desenvolverse a finais de 2024.

Aínda que falta moito para esa data, a vantaxe do partido que dirixe Keir Starmer nas enquisas provoca que o principal reto do novo primeiro ministro sexa diminuír os arredor de 11 puntos que os separan dos conservadores.

Amais, tanto liberais como verdes ratifican a súa disposición a apoiar o Partido Laborista se non alcanza a maioría absoluta. Con todo, a elevada porcentaxe de rexeitamento de Starmer, que supera 40% da poboación, e o particular sistema electoral do Estado, deixan un panorama electoral aínda aberto.

Comentarios