Truss perto da renuncia após o enterro do seu programa neoliberal no Reino Unido

Deputados conservadores premen para que a primeira ministra británica dimita ao ter que renunciar a case a totalidade do programa que a levou ao 10 de Downing Street.
A primeira ministra do Reino Unido, Liz Truss, durante unha intervención no lexislativo nunha sesión decorrida a pasada semana. (Foto: Jessica Taylor / UK Parliament via / DPA)
photo_camera A primeira ministra do Reino Unido, Liz Truss, durante unha intervención no lexislativo nunha sesión decorrida a pasada semana. (Foto: Jessica Taylor / UK Parliament via / DPA)

O Executivo do Reino Unido “reverterá case todas as medidas de impostos anunciadas no plan comunicado a finais de setembro”, anunciou onte o flamante ministro de Economía, Jeremy Hunt, acabando co denominado como ‘mini orzamento’, o programa que levou a primeira ministra Liz Truss a imporse na loita por relevar a Boris Johnson.

O plan da primeira ministra e do seu xa dimitido primeiro titular de Economía, Kwasi Kwarteng, implicaba un recorte de impostos que diminuiría en 50.000 millóns de euros a recadación do Estado. “Non é axeitado endebedarse para financiar o plan do Goberno”, asegurou Hunt, que descartou tras chegar ao Ministerio o recorte do imposto sobre os dividendos, unha iniciativa de compras sen IVE para turistas estranxeiros, a rebaixa do imposto sobre a renda -especialmente ás grandes fortunas- e do imposto de sociedades.

Asemade, tamén fixo pública unha diminución do gasto social, ao deixar en seis meses as axudas programadas nos vindeiros dous anos para apoiar os fogares e as empresas durante a alza dos prezos da enerxía, pouco despois de elevar a 4.000 euros anuais o tope das facturas de electricidade ás familias no territorio.

Entre as medidas do programa orixinal que se manteñen está a abolición dos límites nos bonos que poden recibir os banqueiros.

Os xornais locais salientan certa normalización no prezo da libra e dos indicadores económicos tras o anuncio de Hunt, polo que non se prevé que o Banco de Inglaterra teña que reactivar as compras masivas de débeda -até 5.500 millóns de euros diarios- que deu por concluídas a sexta feira despois de detectar un “risco material para a estabilidade financeira” polo anuncio do programa económico de Truss, que chegou a ser cuestionado polo Fondo Monetario Internacional.

Truss ao bordo da dimisión

A pesar disto, a meirande parte dos medios dan por finalizado o mandato de Truss, que tomou posesión o pasado 6 de setembro. O editor político de Newsnight da BBC, Nicholas Watt, citou a funcionarios do 10 de Downing Street, a sede da oficina do primeiro ministro, ao defender que non están seguros de que Truss “dure toda a semana” no cargo.

Pola súa parte, Peter Walker, de The Guardian, sostén que “a declaración de Hunt foi, basicamente, un golpe de Estado moi educado”, mentres que The Times revela que os deputados conservadores están a debater en secreto como proceder á substitución da primeira ministra.

Aínda que Truss reiterou onte que “está escoitando o público”, a súa negativa a asumir que o ‘mini orzamento’ é o causante dos efectos económicos dos que alertou o Banco de Inglaterra ergueu múltiples críticas no seo dos tories. A isto fixo mención onte a deputada Angela Richardson, a cuarta lexisladora do grupo conservador que pide a dimisión de Truss.

En todo caso, se a primeira ministra se negase a dimitir provocaría unha crise de aínda maior magnitude no Partido Conservador, pois as súas normas internas impiden que até a metade de 2023 se poida producir unha moción de censura interna. Así e todo, podería efectuarse unha modificación no regulamento interno que adiantase a moción, sinalan fontes internas.

Os 'tories' tentean quen pór no caso de novo liderado

Os medios conservadores británicos trasladan distintos nomes para substituír a Truss enunciados polos deputados. O máis repetido é o de Rishi Sunak, que podería liderar a organización xunta Penny Mordaunt. Porén, o maior consenso é o de tratar de evitar un adianto electoral (os comicios están previstos en 2024), tendo en conta que as últimas enquisas apuntan a unha maioría absoluta laborista, co Partido Nacional Escocés en segunda posición.

Comentarios