Así é Liz Truss, a nova primeira ministra do Reino Unido: de republicana e 'anti-Brexit' a "herdeira" de Thatcher

A militancia do Partido Conservador elixe Truss como nova líder e nesta terza feira tomará tamén posesión como primeira ministra británica.
Liz Truss tornou nesta segunda feira na nova líder do Partido Conservador británico. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire)
photo_camera Liz Truss tornou nesta segunda feira na nova líder do Partido Conservador británico. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire)

Xa é oficial. Elizabeth 'Liz' Truss, até o de agora ministra de Exteriores do Reino Unido, será a nova primeira ministra do país após a renuncia de Boris Johnson en xullo, unha decisión obrigada pola presión das bases do Partido Conservador debido aos múltiples escándalos que afectaban o seu goberno.

Truss cumpriu os prognósticos e impúxose nas eleccións primarias dos tories fronte ao ex ministro de Finanzas Rishi Sunak, cunha ampla vantaxe: 81.326 votos por 60.399 obtidos polo seu rival político, nuns resultados que veñen de darse a coñecer no conclave conservador.

Tras facerse oficial a súa designación como nova líder do partido, Truss tornará formalmente na nova líder do Executivo nesta terza feira, cando se entrevistará coa xefa do Estado, a raíña Elizabeth II, para completar este proceso de renovación.

Truss... A nova Thatcher?

A prensa británica presenta Liz Truss como a "herdeira" de Margaret Thatcher por mor do seu programa político, que prevé executar grandes rebaixas fiscais e recortes no sector público. Paradoxicamente, Truss, criada no seo dunha familia "á esquerda do laborismo", asistiu de cativa a múltiples concentracións contra Thatcher.

Segundo informan varios medios como a BBC, Truss manifestouse tamén en público cando era moza a prol da abolición da monarquía, cuestión na que mudou de parecer co paso do tempo: "Os meus comentarios sobre a monarquía estaban errados", dixo nun recente debate.

Aliás, en 2016, ás portas do referendo do Brexit, Liz Truss insistía na conveniencia de ficar dentro da Unión Europa: "Defendo a permanencia porque creo no interese económico do Reino Unido e isto significa que podemos centrarnos nunha reforma económica e social que é vital na nosa casa". Hoxe, porén, é unha das máis firmes defensoras do Brexit.

A nova primeira ministra pasou primeiro polo Partido Liberal-Demócrata, un dos principais rivais ideolóxicos dos conservadores, antes de recalar a finais do século pasado na formación tory. Agora abandeira como a que máis os valores tradicionais deste partido: "Fixen campaña como conservadora e gobernarei como conservadora", dixo, após coñecer os resultados da votación interna.

Comentarios