Liz Truss, candidata a suceder Boris Johnson: "Estou preparada para apretar o botón nuclear"

A ministra de Exteriores e candidata mellor situada a liderar o Partido Conservador e o Goberno do Reino Unido afirma que, de chegar ao poder, recorrería á forza nuclear se for preciso.
Liz Truss, nun acto de campaña decorrido nesta terza feira. (Foto: Jacob King / PA Wire / dpa)
photo_camera Liz Truss, nun acto de campaña decorrido nesta terza feira. (Foto: Jacob King / PA Wire / dpa)

Liz Truss, ministra de Exteriores do Reino Unido, é a favorita na carreira para suceder Boris Johnson á fronte do Partido Conservador e, consecuentemente, tornar na nova primeira ministra do país. No caso de vencer, estaría "preparada" para premer o 'botón nuclear' se for preciso.

Así de contundente vén de manifestarse Truss nunha entrevista concedida a Times Radio. "Creo que é un importante deber como primeira ministra. Estou lista para iso", expresou.

Díxoo en resposta ao xornalista John Pienaar, que lle preguntou se, dado o contexto actual e a hipotética "necesidade" de facelo, "daría a orde de activar as armas nucleares". "Significaría o aniquilamento global", engadiu.

Pienaar insistiu e preguntou "como a faría sentir" esa decisión, ao que a candidata a líder dos tories respondeu simplemente e sen titubeos: "Estou preparada para facelo".

As primarias, en setembro

A militancia do Partido Conservador está chamada ás urnas o vindeiro 5 de setembro, nunha cita electoral interna na que Truss se enfrontará a Rishi Sunak, ex ministro de Economía de Johnson. As últimas enquisas sitúan a responsábel de Exteriores case 20 puntos por diante do seu competidor.

As enquisas favorecen o Partido Laborista

A pesar de que a convocatoria de eleccións anticipadas estivo sobre a mesa na última crise do Goberno de Johnson, reclamada polo laborismo, polo de agora, apuntan medios locais que non é probábel que se adianten uns comicios que terían que desenvolverse a finais de 2024.

Aínda que falta moito para esa data, a vantaxe do partido que dirixe Keir Starmer nas enquisas provoca que o principal reto do novo primeiro ministro sexa diminuír os arredor de 11 puntos que os separan dos conservadores.

Comentarios