Rexistrados novos ataques contra a central nuclear de Zaporijia

Un ataque ruso en Orejov (Ucraína) provocou a terza feira unha morte, mentres Rusia denuncia que Ucraína continúa bombardeando, nesta ocasión con mísiles de gran calibre, a planta nuclear de Zaporijia, situada na localidade de Energodar.
Persoas refuxiadas en Khersón a segunda feira. (Foto: Svet Jacqueline / ZUMA Press Wire / DPA)
photo_camera Persoas refuxiadas en Khersón a segunda feira. (Foto: Svet Jacqueline / ZUMA Press Wire / DPA)

Ucraína está a lanzar “provocacións” encamiñadas a “crear unha ameaza de desastre” na central nuclear de Zaporijia, fixo fincapé a terza feira Igor Konashenkov, voceiro do Ministerio de Defensa de Rusia, afirmando que as Forzas Armadas ucraínas lanzaron a segunda feira unha nova vaga de ataques con mísiles de gran calibre contra a planta, a máis grande de Europa e a terceira do mundo.

“Hai que ser conscientes de que o Exército de Ucraína está cometendo accións cargadas dunha ameaza para a seguridade nuclear, ambiental e doutro tipo”, insistiu o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, que reclamou á comunidade internacional que prema Kíiv para disipar o risco de desastre nuclear. Especialmente tras indicar as autoridades rusas que neses ataques están a utilizar armas remitidas pola Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Precisamente a segunda feira, inspeccionaron a central nuclear expertos do Organismo Internacional de Enerxía Atómica, após os bombardeos dos últimos días. A entidade sostivo que polo de agora non existen “preocupacións inmediatas de seguridade”, tras alertar de que os últimos mísiles disparados contra a planta estiveron a poucos metros de causar unha detonación nuclear, ao caer perto dos reactores.

Ucraína non respondeu as acusacións sobre os disparos contra a central, controlada polas tropas rusas desde marzo e incorporada ao territorio ruso a finais de setembro. Así e todo, despois de soster nunha primeira fase da invasión rusa que só contestaban os ataques que procedían da instalación nuclear, nas últimas ocasións acusan Rusia de atacar eles mesmos a central.

Ademais, as autoridades de Kíiv informaron a terza feira dunha serie de ataques rusos centrados na zona da rexión de Zaporijia controlada por Ucraína, que deixaron cando menos unha morte.

No que atinxe á vaga de ataques aéreos rusos contra a infraestrutura eléctrica ucraína, a operadora da rede, Ukrenergo, comunicou que “practicamente todas as centrais térmicas e hidroeléctricas, se falamos de grandes centrais, resultaron danadas e alcanzadas por foguetes”.

Asemade, a Organización Mundial da Saúde advertiu que a vida de millóns de persoas en Ucraína está en risco pola chegada do inverno, ao combinarse a crise enerxética xerada pola guerra co risco de infeccións virais.

Pola súa banda, o Parlamento  da Unión Europea debaterá hoxe se declarar Rusia como Estado promotor do terrorismo, recollendo a demanda do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski.

Comentarios