Tensión na cimeira da UE: Sánchez abandonou temporalmente a reunión molesto por unha filtración

Un xornalista de 'France 24' afirmou nas redes sociais que Sánchez ameazaba con "vetar as conclusións se non había cambios nos prezos" do gas, unha medida que rexeitaron Alemaña e os Países Baixos.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, forzou unha pausa nas negociacións, "molesto" por filtracións nas redes (Foto: Borja Puig / Moncloa).
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, forzou unha pausa nas negociacións, "molesto" por filtracións nas redes (Foto: Borja Puig / Moncloa).

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, forzou esta sexta feira unha pausa nas negociacións de líderes da Unión Europea (UE) sobre posíbeis medidas para atallar a alza dos prezos da luz, abandonando a sala molesto por un chío que se facía eco dunha filtración na que se acusaba España de vetar o acordo por non incluír as súas demandas.

O incidente tivo lugar contra as 16 horas, cando Sánchez deixou a sala durante algo máis de dez minutos polo malestar de ver nas redes sociais filtracións de como avanzaban as conversas entre líderes, reunidos na mesma sala desde as 10 horas, segundo confirmaron a Europa Press fontes diplomáticas.

A saída do presidente español obrigou o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, a anunciar unha pausa técnica para rebaixar a tensión, momento que as delegacións tamén aproveitaron para seguir traballando no documento, polo que o receso se prolongou finalmente unha media hora.

Con todo, varias delegacións consultadas por Europa Press restan gravidade á situación, recalcando que a sesión se retomou ao cabo de pouco tempo para continuar as negociacións e que houbo "varios recesos durante a tarde". As conversas entre os xefes de Estado e de Goberno europeos continuaron con normalidade tras o descanso, tentando salvar as grandes diferenzas que afastan España e outros países do sur, que reclaman intervir no mercado maiorista da electricidade, daqueles que, como Alemaña e Países Baixos, rexeitan de plano pór teitos aos prezos porque cren que o sistema actual conta xa con mecanismos suficientes.

O xornalista de France24 Dave Keating asegurou no seu Twitter que "o desacordo sobre os prezos da enerxía podería facer saltar" o Consello Europeo. Segundo el, Sánchez estaba a ameazar con "vetar as conclusións se non había cambios nos prezos" do gas, mentres que Alemaña e Países Baixos ficaban firmes na súa postura en contra da tese que tamén apoian Portugal, Italia, Grecia e Bélxica.

Desde Moncloa insistiran antes da cimeira en que acudían cun espírito construtivo á cita, conscientes das dúbidas dalgúns estados membro e tamén das distintas circunstancias desde o punto de vista enerxético entre eles, mais decididos a lograr o seu obxectivo.

Así, fontes gobernamentais aseguraron na quinta feira que Sánchez estaba decidido a "baterse o cobre" e a explicar todo o que fose necesario aos seus homólogos as circunstancias particulares de España e a proposta exposta xunto a Portugal para que ambos os países poidan actuar fronte á alza dos prezos.

Esta sexta, co debate xa en marcha, fontes gobernamentais admitiron a complexidade de conciliar as distintas posicións, pero aseguraron que o presidente seguía traballando para lograr o obxectivo marcado e que non se vetou nada.

Comentarios