Turquía avanza unha nova reunión entre os Gobernos ruso e ucraíno

"O que importa é un cesamento do fogo duradeiro", di Ankara.
EuropaPress_4353359_zaporizhzhia_march_31_2022____boy_waits_for_evacuation_in_zaporizhzhia
photo_camera Un rapaz agarda a ser evacuado da rexión ucraína de Zaporizhzhia, na pasada cuarta feira (Foto: Diego Herrera / Xinhua News)

O Goberno turco insinuou a posibilidade dun novo encontro entre os ministros de Exteriores de Rusia e de Ucraína que tería lugar de novo en Turquía en menos de dúas semanas. Ademais, non tira a toalla aínda sobre unha posíbel cita entre os presidentes dos dous países.

O ministro de Exteriores turco, Mevlut Cavusoglu, afirmou que "nunha semana ou dúas" pode haber unha reunión de maior nivel á desenvolvida estes días en Istambul. Este futuro encontro sería "polo menos" a nivel de ministros de Exteriores. Turquía xa albergou o 10 de marzo a primeira reunión entre os responsábeis diplomáticos de Rusia e de Ucraína, Sergei Lavrov e Dimitro Kuleba, respectivamente, que concluíu sen avances tanxíbeis.

"O que importa é que as dúas partes se xunten e acorden un cesamento do fogo duradeiro", declarou Cavusoglu, nunha entrevista en televisión recollida polo diario Hurriyet. Turquía sostén que é un "mediador honesto" ante a guerra que se libra en Ucraína e mantén que o encontro desta semana en Istambul foi o máis relevante dos desenvolvidos até agora.

Así o subliñou de novo na cuarta feira o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, que cualificou de "significativo" o contexto actual e ve como "un paso importante" o compromiso ruso de reducir as operacións en Kíiv e Chernigov, malia o receo ucraíno a estes supostos avances.

Ucraína propuxo a Turquía dentro dos países garantes dun hipotético acordo con Rusia, xunto a outros nomes como Estados Unidos, Francia e Alemania. Suscita que este grupo responda inmediatamente no caso de que a parte rusa incumpla futuros compromisos.

Erdogan non descartou a posibilidade de que Turquía exerza de garante, pero si apuntou que aínda deben aclararse os detalles sobre esta proposta.

Saída de Chernobyl

Por outra parte, a compañía nuclear ucraína Energoatom confirmou onte pola tarde o inicio da retirada das tropas rusas da antiga central nuclear de Chernobyl e das inmediacións. Así, a empresa indicou en declaracións a través da súa canle de Telegram que os efectivos das Forzas Armadas rusas comezaran a desprazarse en dúas columnas cara á fronteira entre Ucraína e Bielorrusia.

"Confirmouse que as forzas ocupantes, que se fixeron coa planta de Chernobyl e outras instalacións da zona de exclusión, comezaron a abandonar a zona", dixo a compañía nun comunicado. Porén, matizou que un pequeno grupo de "invasores" segue na zona, aínda que se está a formar outro convoi en Slavutich para un posíbel desprazamento cara a Bielorrusia.

Sobe apoio a Putin

Ademais, de acordo cunha sondaxe correspondente a marzo elaborada polo Centro Levada ─que o Goberno ruso acusa de ser xestionado por "axentes estranxeiros"─, a popularidade do presidente de Rusia, Vladimir Putin, medrou entre os seus compatriotas desde que comezou a ofensiva militar sobre Ucraína o 24 de febreiro.

A imaxe de Putin reflicte unha repunta: o seu labor é aprobado xa por 83% da cidadanía. Sobe doce puntos nun mes e alcanza niveis inéditos desde xullo de 2017. Só 15% dos enquisados critican a xestión do presidente, aínda que o dato ascende a 27% para o Goberno en conxunto. 

O Executivo ten unha popularidade de 70%, un punto menos que o primeiro ministro, Mikhail Mishustin.

Comentarios