A guerra en Ucraína, en directo, este 4 de abril

Sigue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto. 
Soldados ucraínos inspeccionan os cascallos dunha columna de tanque ruso destruída nunha estrada de Bucha, un suburbio ao norte de Kíiv. (Foto: Matthew Hatcher). Unha nai e unha filla, ás portas da súa casa destruída en Mariupol. (Foto: Maximilian Clarke). Nubes de fume saen dun depósito de combustíbel dunha refinaría en Odessa tras ser golpeada por mísiles rusos. (Foto: Gilles Bader).
photo_camera Soldados ucraínos inspeccionan os cascallos dunha columna de tanque ruso destruída nunha estrada de Bucha, un suburbio ao norte de Kíiv. (Foto: Matthew Hatcher). Unha nai e unha filla, ás portas da súa casa destruída en Mariupol. (Foto: Maximilian Clarke). Nubes de fume saen dun depósito de combustíbel dunha refinaría en Odessa tras ser golpeada por mísiles rusos. (Foto: Gilles Bader).

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

18.37 | Alemaña expulsa 40 diplomáticos rusos

A ministra de Exteriores de Alemaña, Annalena Baerbock. confirmou a través dun comunicado a expulsión de até 40 diplomáticos rusos, aos que se declarará como indesexábeis". A decisión do Goberno alemán chega despois de que se fixesen públicas as imaxes da masacre entre a poboación civíl de Bucha, próxima a Kíiv. Un acto que a comunidade internacional cualifica como crime de guerra, e do que os países integrantes da UE e da OTAN fan responsábel ao exército ruso, que se retirou a pasada semana desta localidade.

15.42 | Asasinan a alcaldesa de Motiyin, próxima a Kíiv, xunto coa súa familia

O exército ucraíno denunciou a descuberta dos cadáveres da alcaldesa de Motiyin, Olha Shukhenko, o seu marido e o seu fillo, con marcas de disparos no seu corpo. Trátase dunha vila próxima á capital de Ucraína, Kíiv, ocupada até agora polas tropas rusas. Precisamente, coa retirada dos soldados rusos para concentrarse no Donbás, as autoridades ucraínas están a denunciar os "crimes de guerra" cometidos presuntamente por Rusia en Irpin, Bucha e Motiyin, entre outras.

14.15 | Reino Unido refusa a reunión do Consello de Seguridade da ONU sobre a situación en Bucha

Londres négase a aceptar a xuntanza solicitada por Rusia. Porén, Rusia volverá exixila, declarou esta segunda feira a portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, María Zajárova.

O Ministerio de Defensa de Rusia tachou de "provocación" as imaxes que mostran cadáveres de civís nas rúas da localidade de Bucha e denunciou que se trata dunha "escenificación" creada "para os medios de comunicación occidentais", informa Russia Today.

11.23 | Rusia rexeita as acusacións sobre o asasinato de civís en Bucha

O Ministerio de Defensa de Rusia cualificou de "provocación" as imaxes obtidas na localidade ucraína de Bucha, perto de Kíiv, que mostran cadáveres de civís nas rúas, e cualificounas de mera "escenificación" das autoridades ucraínas "para os medios de comunicación occidentais".

O ministerio explicou que todos os militares rusos abandonaron Bucha o 30 de marzo, un día despois da rolda de negociacións de paz en Turquía, e que o 31 de marzo o propio alcalde da localidade, Anatoli Fedoruk, non só confirmou nunha mensaxe por vídeo que na urbe non quedaban militares rusos, senón que "nin sequera fixo mención algunha sobre residentes locais coas mans atadas, fusilados nas rúas", informa Russia Today.

10.35 | Recuperados perto de 340 cadáveres en Bucha tras a retirada das forzas rusas

Segundo as informacións facilitadas polo diario ucraíno Ukrayinska Pravda, que cita os servizos funerarios de Bucha, até o momento foron achados entre 330 e 340 cadáveres na localidade, algúns deles coas mans atadas ás costas e con feridas de bala na cabeza, recolle Europa Press.

09.58 | Rusia pide unha reunión do Consello de Seguridade da ONU sobre Bucha

O Goberno ruso reclamou unha reunión do Consello de Seguridade de Nacións Unidas esta segunda feira, 4 de abril, sobre os supostos crimes de guerra na cidade de Bucha e apuntou a "unha provocación" do Exército ucraíno, á vez que acusou a Kíiv de tentar "interromper" as conversacións de paz.

"O significado do novo crime do réxime de Kíiv é frustrar as negociacións de paz e escalar a violencia", afirmou na súa conta de Telegram a portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores de Rusia, María Zajárova.

O representante permanente adxunto de Rusia ante a ONU, Dmitri Polianski, advertiu que Moscova planea "desenmascarar" os "provocadores ucraínos e os seus protectores occidentais".

09.37 | Rusia culpa Ucraína do masacre de civís na cidade de Bucha

Os informes sobre as atrocidades rusas en Bucha son "acusacións falsas", sinalou o embaixador de Rusia en Estados Unidos, Anatoli Antonov. Segundo afirmou, as forzas ucraínas lanzaron lume de artillería sobre Bucha tras a retirada das forzas rusas, informou a axencia rusa TASS.

Pola súa parte, a portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores de Rusia, María Zajárova, asegurou que malia a falta de ditames de expertos ou calquera outra información, Occidente "xa está listo para culpar de todo" a Rusia, segundo recolle Russia Today

09.30 | Zelenski pide o fin dos "crimes de guerra" rusos tras o masacre de civís en Bucha

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, aprobou a decisión de crear un mecanismo especial de xustiza en Ucraína para a investigación e o exame xudicial de todos os crimes. "Todos os culpábeis de tales crimes serán incluídos nun libro especial de torturadores, serán atopados e castigados", advertiu.

O secretario xeral da ONU, António Guterres, pide unha investigación independiente sobre o ocorrido.

Comentarios