A ONU alerta de que tanto Rusia como Ucraína estarían a cometer crimes de guerra

A "magnitude" das baixas e os danos en infraestruturas, di Nacións Unidas, "suxire que se violou a prohibición de realizar ataques indiscriminados", ao tempo que mostra preocupación polas imaxes difundidas en redes de persoas atadas e humilladas en público.
Centro comercial derruído en Kíiv tras un ataque ruso (Foto: Yuliia Ovsiannikova / Zuma Press).
photo_camera Centro comercial derruído en Kíiv tras un ataque ruso (Foto: Yuliia Ovsiannikova / Zuma Press).

A Misión de Observación dos Dereitos Humanos en Ucraína, en vigor desde 2014, informou esta sexta feira de que a cantidade de mortos "aumenta co paso dos días" nas cidades do país desde o inicio da invasión rusa o pasado 24 de febreiro.

A líder desta misión, Matilda Bogner, concretou nunha rolda de prensa decorrida en Xenebra (Suíza) que até o momento faleceron máis de 1.035 civís, e cando menos outros 1.650 foron feridos, se ben aclarou que as cifras aínda son "incertas" dado que non ten os datos completos de "lugares de combate intenso" como Mariupol ou Volnovakha.

A "magnitude" das baixas e os danos en infraestruturas, dixo, "suxire que se violaron os principios de distinción e proporcionalidade, ao igual que a prohibición de realizar ataques indiscriminados". "Estes ataques causan un sufrimento humano inconmensurábel e poden constituír crimes de guerra", aseverou.

Neste senso, salientou que xa foi confirmado o uso de munición de racimo por parte das forzas rusas, "e probabelmente tamén polas ucraínas", dixo, "o que equivalería a violacións do dereito internacional humanitario".

Bogner tamén expresou preocupación polos vídeos que mostran os prisioneiros de guerra interrogados despois da súa captura polas forzas ucraínas e rusas. "Os prisioneiros de guerra deben ser tratados con humanidade, non sometidos a actos de violencia, e protexidos contra os insultos e a curiosidade pública", recalcou.

Aliás, a súa misión constatou 22 casos de detención arbitraria e desaparición forzada de funcionarios locais en rexións baixo control ruso, trece dos cales foron liberados posteriormente, así como a desaparición de quince xornalistas e activistas opostos á invasión en Kíiv, Kherson, Luhansk e Zaporizhzhia.

A diplomática tamén fixo alusión aos vídeos que inzan as redes sociais sobre persoas atadas, espidas e humilladas en público: "No territorio controlado polo Goberno de Ucraína golpéase as persoas que se cre que son ladróns, contrabandistas, simpatizantes prorrusos ou infratores do toque de recoller".

Comentarios