As protestas no Perú protagonizan esta cuarta feira a "segunda toma de Lima"

A meirande parte da poboación rexeita a Boluarte, segundo o último traballo demoscópico, que amosa como unha maioría social está a apoiar as protestas e as demandas das mobilizacións.
A presidenta peruana Dina Boluarte, no centro da imaxe. (Foto: Presidencia do Perú)
photo_camera A presidenta peruana Dina Boluarte, no centro da imaxe. (Foto: Presidencia do Perú)

A terza feira comezaron a chegar á capital peruana, Lima, milleiros de persoas procedentes do interior do país, especialmente de Puno, o departamento que destacou pola maior participación nas manifestacións en todo o país, para mobilizarse esta cuarta feira na “segunda toma de Lima”, organizada polo recentemente conformado Comité Nacional Unificado de Loita do Perú.

Na protesta reiterarán a súa exixencia de que dimita a presidenta Dina Boluarte pola súa responsabilidade na morte de arredor de 60 persoas, a maioría a mans da Policía e das Forzas Armadas, desde que foi destituído Pedro Castillo da Presidencia; a convocatoria de eleccións xerais inmediatas e o inicio dun proceso constituínte.

A marcha recolle o testemuño do que se considera a primeira “toma de Lima”, unha mobilización impulsada o 19 de xaneiro pola Confederación Xeral de Traballadores do Perú.

A Policía peruana destacou que as súas fontes de Intelixencia alertan de que “integrantes de diversos grupos gremiais e colectivos de esquerda radical coordinan actos vandálicos na cidade”, unha advertencia que repetiu pouco despois Boluarte, aínda que o Executivo recoñeceu que non conta con probas que avalen as acusacións. As forzas de seguridade, responsábeis de múltiples violacións aos dereitos humanos denunciadas por organismos internacionais, tamén publicaron os nomes das persoas que consideran responsábeis desta convocatoria.

Ao tempo, o ministro de Defensa, Jorge Chávez, incidiu en que Castillo está detrás das mobilizacións a pesar de que leva case tres meses preso por decisión da Xustiza, controlada polos conservadores. De feito, rexeitou unha nova solicitude del para recuperar a liberdade.

Entrementres, no país a maioría da poboación apoia tanto as protestas como os seus obxectivos. O último traballo do Instituto de Estudos Peruanos sinala que 73% cree que Boluarte debe dimitir, 88% considera que se deben convocar eleccións xerais, 55% rexeita o labor policial e 48% o das Forzas Armadas.

Ademais, entidades ecoloxistas denunciaron que o Congreso, dominado pola dereita e a extrema dereita, trata de aprobar co gallo da crise unha lei que permitiría explotacións de recursos naturais no territorio de pobos indíxenas non contactados.

En paralelo, os choques diplomáticos entre México e o Perú continúan após a retirada do embaixador peruano de Cidade de México, o que levou o seu presidente, Andrés Manuel López Obrador, a cuestionar a Boluarte por ser “un monicreque” dunha “oligarquía nacional, pero sobre todo estranxeira, que está a saquear os bens naturais do Perú”.

Comentarios