O pobo aimará alerta dunha guerra civil no Perú de seguir a represión

É "moi pouco probábel" que se vote en 2023, sinalan medios peruanos, así e todo, as protestas continúan cun forte impacto en Puno e Lima.
Enterro de vítima da represión no Perú. (Foto: Juan Zapata)
photo_camera Enterro de vítima da represión no Perú. (Foto: Juan Zapata)

O departamento peruano de Puno converteuse nos últimos días no epicentro das mobilizacións no Perú xunto á capital, Lima, até o punto de que é a única rexión onde se manteñen cortes de estradas -mais de 30- por parte dos manifestantes. Boa parte da responsabilidade é da comunidade aimará, que reuniu 20.000 persoas a segunda feira na cidade de Puno, informaron onte medios internacionais.

“Nós non nos imos cansar, para nós a folga continúa e non hai diálogo, o único que queremos é que [a presidenta] Dina Boluarte renuncie”, asegurou David Yujra, voceiro da sociedade civil, que denunciou que despois de 21 asasinatos na zona pola represión da Policía e das Forzas Armadas “agora queren humillarnos máis enviándonos militares, cada vez están a provocarnos máis pero seguiremos pase o que pase”, destacou. Arredor de 60 persoas morreron desde o comezo das manifestacións.

Ao tempo, os participantes das protestas advirten que de continuar chegando tropas para reprimilos a situación pode dexenerar nunha guerra civil, tras os intentos gobernamentais de acabar coa folga indefinida que vive o departamento desde o 4 de xaneiro e coas protestas que se estenden polo país desde que hai máis de dous meses o Congreso destituíra a Pedro Castillo da Presidencia, e que reclaman amais da dimisión de Boluarte a convocatoria de eleccións xerais inmediatas e o comezo dun proceso constituínte.

A forza das mobilizacións en Puno, no sueste peruano, é o resultado da discriminación que sufre a rexión, que levou a “continuas loitas por acceder aos dereitos básicos de saúde, vivenda e educación”, explica Amnistía Internacional, após ser “obxecto historicamente de discriminación e desigualdade no seu acceso á participación política”.

Poucas posibilidades de comicios en 2023

En paralelo, en Lima o Congreso dominado polos conservadores atópase de vacacións despois de rexeitar múltiples proxectos para que os comicios decorran en 2023 como pide a poboación, o que confirma as denuncias das mobilizacións de que están a atrasar a resolución do conflito coa esperanza de aguantar no posto até 2026, sobre todo tendo en conta que a reelección dos lexisladores está prohibida.

Arredor desa cuestión, La República asume que “é moi pouco probábel” que as votacións decorran este ano polos prazos estabelecidos pola normativa peruana, polo que sinala que a data con máis posibilidades é entre xaneiro e abril de 2024.

Aínda así, subliña que a renuncia de Boluarte sería unha das poucas opcións que poderían provocar o adianto para este ano.

Comentarios