A Fiscalía busca acusar de terrorismo os manifestantes nas protestas no Perú

As clases populares do Perú suman forza día a día no seu reclamo de acabar co que consideran un golpe de Estado da oligarquía.
Vixilia polas vítimas da represión do Exército e da Policía do Perú a quinta feira na praza de Armas de Ayacucho. (Foto: Miguel Gutiérrez Chero)
photo_camera Vixilia polas vítimas da represión do Exército e da Policía do Perú a quinta feira na praza de Armas de Ayacucho. (Foto: Miguel Gutiérrez Chero)

O terceiro día desde a reactivación das protestas no Perú amosou a capacidade dos movementos sociais para espallar as manifestacións por boa parte do territorio, un mes despois de que o ex presidente Pedro Castillo fora destituído polo Congreso e detido.

Até 31 provincias acolleron distintas mobilizacións, entrementres, os feches de estrada alcanzaron 54 vías en nove rexións peruanas, confirmaron onte as autoridades locais.

Aínda que cun grao menor de violencia após as denuncias pola trintena de persoas asasinadas pola Policía e as Forzas Armadas, a represión continuou, con lanzamentos de bombas lacrimóxenas e agresións contra a poboación para frear as protestas, chegando a impedir o paso a lugares como a praza San Martín de Lima, na que días atrás non houbo problema en permitir unha manifestación supostamente pola paz, convocada en primeira instancia pola Policía e apoiada polo Executivo de Dina Boluarte.

Con respecto ás violacións de dereitos humanos observadas no Perú desde a chegada de Boluarte á Presidencia -que mantén apenas polo apoio das Forzas Armadas-, IDL, Dereitos Humanos Sen Fronteiras e o Centro de Dereitos Humanos da Universidade de Otava (Canadá) reclamaron á Comisión Interamericana de Dereitos Humanos que dispoña medidas para protexer a poboación da represión.

En todo caso, as protestas están a intensificarse, entre debates internos nos distintos puntos do país sobre se manter a declaración de insurrección popular en cada rexión ou unirse para fortalecer as reivindicacións a nivel nacional pola liberación de Castillo, a renuncia de Boluarte, eleccións xerais inmediatas e o inicio dun proceso constituínte.

Por parte do Goberno, mestúranse chamamentos ao diálogo coa negación da súa responsabilidade nas mortes e acusacións contra os manifestantes, nun primeiro momento definidos como terroristas e despois como narcotraficantes e mineiros ilegais. A última versión ofrecida polo ministro de Defensa, Jorge Chávez, é que “información de Intelixencia” apunta a que se trataría de bolivianos que entraron no país antes do 4 de xaneiro, no medio dos ataques gobernamentais contra o ex presidente boliviano Evo Morales polo seu apoio ás protestas populares, secundadas polos pobos indíxenas.

Ao tempo, La República desvela que a fiscal xeral, Patricia Benavides, ten a intención de xulgar os participantes das protestas por terrorismo, para o que programou unha reorganización nas fiscalías especializadas do país. Organizacións en defensa dos dereitos humanos alertaron de que isto abre a porta a que Benavides dea un verniz de legalidade á actuación militar e policial. Precisamente a Policía foi quen impulsou esta mudanza despois de asaltar o 17 de decembro a sede da Confederación Labrega do Perú e do partido Novo Perú. Porén, a Fiscalía tivo que liberar os detidos ao non atopar ningunha proba que xustificara o arresto, algo que os axentes queren evitar no futuro.

Benavides é a principal instigadora do proceso que mantén en prisión a Castillo, en conivencia coa Xustiza, controlada pola oligarquía do país, e chegou a reunirse con persoal da embaixada estadounidense no marco da persecución contra o ex mandatario, que comezou cando Castillo denunciou as dúas irmás de Benavides, xuízas acusadas de delitos como a liberación de narcotraficantes a cambio de subornos.

Ataque contra os órganos electorais

Pola súa parte, o Congreso dominado polos conservadores continúa provocando o rexeitamento da cidadanía ao aproveitar a crise no país para avanzar nunha axenda que lles permita copar canto antes todas as institucións do país.

A última proposta conservadora é acabar co mandato do Xurado Nacional de Eleccións e a Oficina Nacional de Procesos Electorais, acusándoos de avalar a suposta fraude de Castillo nas eleccións de 2021, unha invención da extrema dereita para negar a lexitimidade do presidente progresista e chamar a un golpe de Estado para evitar que xurase como mandatario, como chegou a recoñecer a Xustiza peruana. A súa remuda permitiría aos conservadores controlar a organización dos vindeiros comicios.

Comentarios