O Parlamento peruano apoia Dina Boluarte, investigada por xenocidio

O Goberno tamén declarou para esta cuarta feira "un loito nacional laborábel" e medio mastro das bandeiras "en homenaxe e respecto aos caídos".
A presidenta do Perú, Dina Boluarte (Foto: Mariana Bazo / Zuma Press / Contactophoto).
photo_camera A presidenta do Perú, Dina Boluarte (Foto: Mariana Bazo / Zuma Press / Contactophoto).

O Congreso do Perú outorgou nas últimas horas o seu voto de confianza ao Gabinete da presidenta Dina Boluarte, liderado polo primeiro ministro Alberto Otárola, nun contexto de confrontación política despois das 47 mortes que se acumulan pola represión das protestas desde a destitución de Pedro Castillo o pasado 7 de decembro.

Un respaldo que chega despois do inicio dunha investigación por parte da Fiscalía do Perú, que dispuxo iniciar un proceso contra Boluarte polos delitos de xenocidio, homicidio e feridas graves no contexto da represión das manifestacións no Perú.

Ao mesmo tempo, membros do seu Gabinete, como o presidente do Consello de Ministros, Alberto Otárola; o ministro do Interior, Víctor Rojas, e o ministro de Defensa, Jorge Chávez, tamén serán investigados. 

Ademais, o órgano dispuxo o inicio de investigación contra Pedro Ángulo como ex presidente do Consello de Ministros e contra César Cervantes como ex ministro do Interior.
Nunha longa xornada na que o primeiro ministro expuxo os plans do Goberno, o Parlamento apoiou o Gabinete por 73 votos a favor do bloque da dereita, 43 votos en contra do bloque da esquerda e seis abstencións.

"Non somos un réxime autoritario nin nos opomos á lexítima protesta, pero temos como Estado a obriga de salvagardar a seguridade da maioría dos peruanos, actuando en consecuencia. Teñan a seguridade de que aplicaremos toda a forza da lei para evitalo. Este Goberno non vai ceder á chantaxe da violencia", dixo Otárola no transcurso da sesión plenaria.

Otárola, que defendeu que a Policía "defende a vida de quen protestan" e que "o uso da forza está regulado en protocolos estabelecidos", informou da declaración de toque de queda nocturno en Puno durante tres días desde a 20 horas até as 4 horas para a "salvagarda da vida, integridade e liberdade dos cidadáns".

O Goberno tamén declarou para esta cuarta feira "un loito nacional laborábel" e medio mastro das bandeiras "en homenaxe e respecto aos caídos".

Comentarios