Boluarte desprega 11.800 policías na 'Toma de Lima'

Manifestantes na rexión de Cusco, onte na folga xeral no Perú (Foto: Wilson Chilo / Wayka).
photo_camera Manifestantes na rexión de Cusco, onte na folga xeral no Perú (Foto: Wilson Chilo / Wayka).

O Goberno de Dina Boluarte ordenou despregar esta quinta feira 11.800 efectivos policiais na capital peruana para "resgardar" e "controlar" a chamada 'Toma de Lima', convocada pola cidadanía e organizacións sociais para exixir a renuncia da mandataria e a convocatoria de eleccións xerais.

A Confederación Xeral De Traballadores do Perú convocora unha folga en todo o país para a xornada desta quinta feira, chamando a unha marcha na praza 2 de Maio de Lima. Foron varias as organizacións sindicais e sociais as que marcharon para a capital para se sumaren á protesta.

A marcha, bautizada como 'Toma de Lima', congregou esta quinta feira milleiros de persoas que alzaron a súa voz pola reforma plena do Estado peruano, que buscan lograr a través dunha Asemblea Constituínte e que consideran fundamental para vivir "nunha democracia verdadeira" que acabe contra o que cualifican como a "ditadura do Congreso" no país.

Antes do fechamento desta edición, tiveron lugar algúns accidentes no Perú entre manifestantes e policías, aínda que a xornada de protesta aínda continuaba.

Así, tres manifestantes resultaron feridos despois de recibir impactos de perdigóns cando intentaban ingresar pola forza ao aeroporto de Arequipa, informou La República.

Efectivos das Forzas Armadas tentaron conter un grupo de 200 persoas que pretendían sobrepasar o perímetro no aeroporto internacional Alfredo Rodríguez Ballón, que suspendeu as súas operacións, polo que a totalidade dos voos foron cancelados. 

Ademais, o ministro de Defensa do Perú, Luis Alberto Otárola, anunciou ao pouco de comezar a xornada de protestas que o Goberno declarará o estado de emerxencia en todo o territorio por 30 días. Horas antes, a Fiscalía emitiu un comunicado no que expresou o seu compromiso de respectar o dereito á manifestación "dentro do marco de protección dos dereitos humanos que exclúe os actos de violencia".

Novas vítimas da represión

A crise no Perú suma xa 54 falecementos, ao producirse tres novas vítimas nas últimas horas. Unha muller morreu na cuarta feira durante os enfrontamentos en Puno entre a poboación e a Policía, mentres que outro home faleceu onte xa no hospital polo mesmo motivo.

Así mesmo, unha muller que sufriu un paro cardíaco perdeu a vida na terza feira ao non poder ser atendida a causa dun bloqueo da estrada.

Comentarios