O Congreso do Perú estuda a proposta de adianto electoral

Amnistía Internacional denuncia a represión no Perú, que vincula co racismo sistémico no país, ao tempo, o Congreso segue sen apostar de forma decidida por responder as demandas da poboación.
rotesta en Ayacucho, o Perú. (Foto: Valia Aguirre)
photo_camera Protesta en Ayacucho, o Perú. (Foto: Valia Aguirre)

Á hora do feche desta edición, o Congreso do Perú, dominado polos conservadores, analizaba se incluír na axenda do día unha proposta que permitiría convocar eleccións este ano, unha das principais exixencias das mobilizacións que teñen o país paralizado hai máis de dous meses xunta o inicio dun proceso constituínte e a dimisión da presidenta 
Dina Boluarte.

O debate chega despois de que o lexislativo rexeitara varias propostas neste sentido nas últimas semanas, e era a última oportunidade nesta lexislatura ordinaria, que rematou onte, para tomar a decisión. Até comezos de marzo non está previsto que as e os congresistas volvan ao traballo.

Así e todo, a sesión de onte aclarou que as prioridades dos conservadores son outras, ao forzar o debate do informe da denuncia constitucional presentada contra o ex mandatario Pedro Castillo pola fiscal xeral, Patricia Benavides, á que o ex presidente acusou de orquestrar un golpe de Estado contra el. Pola súa parte, Benavides implicouno por supostamente liderar unha organización criminal.

Entrementres, as protestas continúan entre unha forte represión que xa deixou arredor de 60 falecidos, a maioría por disparos da Policía e o Exército.

Ao respecto, Amnistía Internacional fixo público un informe no que denuncia “o uso excesivo e en ocasións indiscriminado da forza letal”, unido a un intento de estigmatizar as persoas que protestan por parte do Estado, que as considera terroristas para xustificar a violencia da represión e desacreditar as súas demandas.

Ademais, fai énfase no racismo para explicar como a meirande parte das mortes se produciu en zonas con poboación indíxena ou moi desfavorecidas. “Non é casualidade que decenas de persoas nos dixeran que sentían que as autoridades as trataban como animais e non como seres humanos”, sinala Erika Guevara, directora rexional da entidade.

Asemade, concluíu que “o racismo sistémico arraigado na sociedade peruana e nas súas autoridades durante décadas foi o motor da violencia exercida como castigo contra as comunidades que alzaron a voz”.

Xa en México, o presidente do país, Andrés Manuel López Obrador, subliñou que están a buscar alternativas para non entregar a Boluarte a Presidencia rotatoria da Alianza do Pacífico para non lexitimar o “golpe de Estado” contra Castillo e o Executivo ilexítimo de Boluarte. Arredor desta cuestión, o xornalista peruano César Hildebrandt definiu o seu Goberno “como un réxime que en nada se parece á democracia e que ten pinta de fillo putativo da ditadura de Alberto Fujimori”.

Comentarios