As protestas labregas levan a UE a limitar as importacións de Kíiv e flexibilizar a PAC

Bruxelas contesta ás mobilizacións das labregas e labregos en distintos Estados da UE aceptando varias reivindicacións, un día antes da tractorada prevista na capital belga en paralelo á xuntanza do Consello Europeo.
Bloqueo da autoestrada A1 no seu camiño a París cos tractores, a terza feira. (Foto: Matthieu Mirville / ZUMA Press Wir / DPA)
photo_camera Bloqueo da autoestrada A1 no seu camiño a París cos tractores, a terza feira. (Foto: Matthieu Mirville / ZUMA Press Wir / DPA)

Na segunda semana das mobilizacións dos sindicatos labregos en Francia, que se unen ás protestas do sector en Alemaña, Bélxica, Italia, Países Baixos, Polonia ou Romanía, principalmente por medio de bloqueos de estradas e en moitos casos acusando as normativas do bloque comunitario de obstaculizar a obtención de beneficios cando aumentaron os prezos dos fertilizantes e outras subministracións, a Comisión Europea propuxo hoxe intervir nas importacións agrícolas desde Ucraína e outorgar unha exención nos requisitos para obter a axuda da Política Agraria Común (PAC).

No primeiro punto, o Executivo da Unión Europea (UE) anunciou que pretende renovar un ano máis a exención de impostos de aduanas para os produtos procedentes de Ucraína, que expira en xuño após ser implementada en 2022 a liberalización do comercio con Kíiv logo do comezo da invasión rusa.

Con todo, defende estabelecer un “mecanismo de salvagarda reforzado” co fin de “tomar medidas correctoras rápidas en caso de perturbacións significativas no mercado da UE ou nos mercados dun ou máis Estados membros”. Isto permitirá que Bruxelas limite a venda e almacenamento destas mercadorías e até que impoña unha prohibición total en última instancia.

De forma específica para os “produtos máis sensíbeis”, unha categoría na que menciona “aves, ovos e azucre”, a Comisión prevé instaurar un “freo de emerxencia”, o que suporá que os aranceis a estes produtos ucraínos serán reactivados se as importacións superan os volumes medios de 2022 e 2023, “para garantir” que non os excedan de maneira significativa. A proposición será avaliada polo Parlamento da UE e o Consello da UE.

Non obstante, para moitas produtoras e produtores o principal problema é o xerado polas importacións de cereais ucraínos. Damien Brunelle, agricultor do norte francés, explicou que pouco despois da invasión rusa recibía 400 euros por tonelada de trigo, que agora se reduciron a 190 euros.

Precisamente, o volume de entrada destes produtos, ou o uso neles de pesticidas prohibidos na UE, levou a que diversos países do bloque comunitario fronteirizos con Ucraína vetaran estas importacións o pasado ano, restricións que aínda manteñen Polonia, Hungría e Eslovaquia. En paralelo, Romanía e Bulgaria chegaron a un entendemento con Kíiv para ter baixo control os  fluxos comerciais.

Sobre a PAC, o Executivo da UE propuxo que “todos os agricultores” do bloque comunitario queden exentos en 2024 da obriga de dedicar 4% das súas terras a barbeito, aplicábel ás explotacións de máis de 10 hectáreas, polo que poderán cobrar a axuda se cultivan en 7% do terreo cultivábel plantas fixadoras de nitróxeno como lentellas, chícharos ou fabas, ou cultivos intermedios, os sementados entre dous cultivos principais, sen usar produtos fitosanitarios. Os Estados membros votarán en breve a proposta.

Os beneficiarios centrais da PAC son Francia, o Estado español, Alemaña e Italia, por esta orde, que conxuntamente reciben máis da metade dos fondos.

Xa a respecto das negociacións entre a UE e o latinoamericano Mercado Común do Sur (Mercosur) para ultimar un tratado de libre comercio, o titular francés de Agricultura, Marc Fesneau, admitiu que só Francia se opón ao pacto, unha das reclamacións dos sindicatos labregos, que critican que se lles exixan requisitos diferentes que ás importacións dos mesmos produtos.

Bruxelas sostivo que as negociacións están en marcha, rexeitando as declaracións dun funcionario do Palacio do Elisio que afirmou que a presión gala forzou a Comisión a frear as conversas.

En todo caso, as protestas obrigaron a que o debate arredor das súas reivindicacións fora incluído na reunión de mañá do Consello Europeo, formado polas xefas e xefes de Estado ou de Goberno dos membros da UE.

Logros das protestas

Amais dos anuncios efectuados hoxe por Bruxelas, as mobilizacións das organizacións labregas en Francia conseguiron que o Goberno de Emmanuel Macron tivera que comprometerse a pagar antes do 15 de marzo as axudas da PAC, impulsar un plan de control da trazabilidade dos produtos, reforzar as axudas fiscais ao sector, prometer negociar coa UE o referente ás terras en barbeito, elevar a 80 millóns de euros o fondo de emerxencia para persoas viticultoras de rexións en crise ou lanzar unha exención fiscal ao combustíbel de uso agrícola após tratar de subirlle os impostos.

Á parte do que consideran competencia desleal doutros Estados, vinculada coa liberalización do comercio a nivel global, as forzas sindicais insisten en que a actividade non é rendíbel pola burocracia francesa e comunitaria.

O Ministerio de Interior informou de que hoxe había máis de 100 puntos de bloqueo e perto de 10.000 manifestantes nas estradas francesas, incluídos nas autoestradas que rodean París, a capital, e 18 persoas foron detidas por “obstrución do tráfico” nas proximidades do mercado de produtos frescos de Rungis, perto de París.

Gérald Darmanin, ministro de Interior, trasladou que enviou vehículos blindados para intentar evitar o bloqueo de Rungis, no marco da despregadura de 15.000 axentes no Estado, o que non impediu que os tractores chegaran ás portas do mercado.

Accións de protesta no norte de Portugal

Desde ás 2 da madrugada de mañá, as labregas e labregos portugueses teñen programado iniciar os bloqueos dos principais pasos fronteirizos no país, incluídos os que unen Portugal coa Galiza, indicou o Jornal de Notícias. O Movimento Civil pela Agricultura afirmou que loitan “polo dereito humano á alimentación adecuada, por condicións xustas e pola valoración da actividade”.

No Estado español, nas vindeiras semanas programáronse as primeiras protestas, e na Galiza, as persoas produtoras mantiveron reunións nas últimas xornadas para debater se unirse á vaga de protestas na UE. Namentres, en Bruxelas está convocada mañá unha mobilización da Coordinadora Europea Vía Labrega para exixir a fin dos tratados de libre comercio.

Comentarios