O Goberno francés, alarmado ante o risco de expansión das protestas labregas

A morte dunha labrega atropelada cando participaba no bloqueo dunha estrada en Francia marcou a xornada de protesta agraria. Á vez, o Goberno de Macron culpa a lexislación da Unión Europea da situación do sector, a pesar do que trata en paralelo de elevar os impostos ao combustíbel utilizado polos vehículos agrícolas.
Estrada bloqueada por Xoves Agricultores a semana pasada en Occitania, territorio situado no sur do Estado francés. (Foto: Jeunes Agriculteurs Tarn et Garonne)
photo_camera Estrada bloqueada por Xoves Agricultores a semana pasada en Occitania, territorio situado no sur do Estado francés. (Foto: Jeunes Agriculteurs Tarn et Garonne)

Varias estradas de Occitania, territorio situado no sur do Estado francés, estaban hoxe bloqueadas con tractores e camións após o comezo das mobilizacións a pasada semana. Amais de fechar as rutas cara á central nuclear de Golfech, ao norte de Tolosa, as e os labregos tamén imposibilitaron o paso en estradas que conectan coa fronteira catalá ao enchelas de pedra e grava, e botaron pneumáticos e esterco nas vías da estación de tren de Agen.

Detrás das protestas están o aumento previsto dos impostos ao combustíbel para tractores, a suba do prezo da enerxía ou a burocracia estatal e da Unión Europea (UE), así como a competencia das importacións procedentes de Ucraína, normalmente de baixo prezo, ou o intento de Bruxelas de asinar un acordo de libre comercio co latinoamericano Mercado Común do Sur, indica a axencia AFP.

“Mentres sexa necesario levaranse a cabo un certo número de accións”, advertiu a segunda feira Arnaud Rousseau, que lidera a Federación Nacional de Sindicatos de Labregos (Fnsea), o sindicato agrícola máis importante do Estado, antes dunha reunión programada con Gabriel Attal, novo primeiro ministro francés. Rousseau incidiu en que as protestas durarán toda a semana e "durante o tempo que sexa preciso” até que o Gabinete tome medidas para resolver a situación.

“Para nós, a verdadeira crise xira en torno ao prezo” da produción e aos ingresos, detallou a voceira da Confederación Labrega, Laurence Marandola, entrementres Arnaud Gaillot, presidente de Xoves Agricultores, adiantou que “podemos estar ás portas dun gran movemento agrario” se o Executivo francés que encabeza Emmanuel Macron “non está á altura”.

Perante o temor a unha extensión das protestas, que decorren en paralelo a manifestacións similares noutros Estados da UE, por parte do Goberno, refiren medios internacionais, Attal defendeu que “a nosa agricultura é vital para a soberanía de Francia”, e o ministro de Interior, Gérald Darmanin, anunciou que “non temos previsto enviar a Policía para dispersar os manifestantes”, insistindo en que “confío no Goberno e no traballo tan importante que está a facer cos labregos, que o están a pasar mal na súa vida profesional, e quero asegurarlles o meu apoio político”.

Porén, o xornal Le Monde publicou hoxe que xa se produciran marchas de labregas e labregos en Amiens, no norte francés. O titular de Agricultura, Marc Fesneau, defendeu que as “transposicións excesivas” das leis da UE na lexislación estatal “puxeron os labregos franceses nunha situación de risco e de competencia desleal respecto aos seus colegas europeos”.

Unha morte confirmada

A xornada estivo marcada pola morte durante a madrugada de hoxe de Alexandra Sonac, unha gandeira que faleceu ao ser atropelada por un coche que se lanzou contra as pacas de palla coas que foi bloqueada unha estrada nas protestas. A parella de Sonac resultou ferida de gravidade e a súa filla adolescente está “en estado crítico”, trasladou o Ministerio Público.


Manifestacións similares esténdense ao longo da Unión Europea

Estados da UE como Romanía, Alemaña, Polonia ou os Países Baixos están a vivir masivas mobilizacións das e dos labregos, que cuestionan desde o impacto do marco regulador de Bruxelas até a competencia cos produtos ucraínos, que a UE permitiu importar case sen restricións por mor da invasión rusa.

No caso romanés, agricultores e camioneiros protagonizan unha protesta que leva activa dúas semanas para reclamar menos impostos após o incremento no custo dos seguros para a maquinaria pesada, e bloquearon a fronteira con Ucraína. Ao tempo, en Alemaña, a eliminación das axudas ao combustíbel e a introdución dun imposto aos vehículos agrícolas provocou que milleiros de tractores bloquearan a capital, Berlín.

Comentarios