Polonia vetará o gran de Ucraína aínda que a UE decida o contrario

As restricións de Bruxelas rematarán o 15 de setembro de non producirse unha prórroga.
Mateusz Morawiecki (esquerda), a terza feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mateusz Morawiecki (esquerda), a terza feira. (Foto: Nós Diario)

O Goberno de Varsovia “non permitirá que nos inunden con cereais ucraínos”, incidiu a terza feira o primeiro ministro, Mateusz Morawiecki, antes de reiterar que “non abriremos as nosas fronteiras”, poucos días antes de que o 15 de setembro rematen as restricións temporais á importación de trigo, millo, colza e xirasol en dirección a Polonia, Hungría, Bulgaria, Eslovaquia e Romanía aplicadas pola Unión Europea (UE) despois de que estes países impuxeran prohibicións unilaterais en abril.

Aínda que nesa ocasión Bruxelas acabou por aceptar as exixencias destes Estados, aínda advertindo que a política comercial é unha competencia exclusiva da UE, desta vez non transixiu até o de agora coa reclamación dos cinco países membros de estender o veto -que non afecta as mercadorías en tránsito- até o 31 de decembro, incluíndo a posibilidade de sumar novos produtos á prohibición.

Así e todo, o titular de Agricultura do Executivo de extrema dereita, Robert Telus, confiou en que “a UE permitirá unha prórroga” antes de lanzar accións unilaterais.

En todo caso, nun comunicado o Gabinete polaco ratificou que “independentemente da decisión da Comisión [Europea] non abriremos a fronteira ao gran ucraíno despois desa data”, asegurando que “os intereses do campo polaco son o máis importante para nós”.

O 15 de outubro decorrerán as eleccións lexislativas en Polonia, coas labregas e labregos xogando un papel chave na base electoral do gobernante Lei e Xustiza, nuns comicios que, segundo as enquisas, levarán á perda da maioría da formación, que tería que pactar con outra forza de ultradereita, Confederación, para manter o poder.

Guerra de Ucraína

No que atinxe á guerra en Ucraína, a axencia Reuters transmitiu que o Executivo dos Estados Unidos está a piques de aprobar o envío de mísiles de alto alcance cargados con bombas de acio, no marco dos limitados avances das tropas ucraínas desde o comezo da contraofensiva militar en xuño. Ao respecto, o presidente ruso, Vladimir Putin, subliñou que a contraofensiva “non avanzou”, e cualificou como un delito o envío a Ucraína de municións de acio e armamento con uranio empobrecido.

Asemade, confirmouse a chegada a territorio ruso de Kim Jong-un, líder da República Popular Democrática de Corea, que manterá unha xuntanza con Putin nos “próximos días”, indicou o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov.

Comentarios