O Goberno francés lanza novas medidas para aplacar as reivindicacións labregas

As mobilizacións continuaban tras os anuncios do Executivo de Macron.
Tractores bloqueando unha autoestrada na periferia de París a segunda feira. (Foto: Telmo Pinto / SOPA Images via ZUMA / DPA)
photo_camera Tractores bloqueando unha autoestrada na periferia de París a segunda feira. (Foto: Telmo Pinto / SOPA Images via ZUMA / DPA)

Como anunciara 24 horas antes o Executivo francés, no marco do inicio do sitio de París polos tractores logo da convocatoria dos sindicatos labregos, o primeiro ministro Gabriel Attal fixo públicas hoxe durante o seu discurso de política xeral no lexislativo distintas medidas para intentar contentar as e os traballadores do rural na segunda semana de mobilizacións.

Attal trasladou que antes do 15 de marzo “todas as axudas da PAC [Política Agraria Común da Unión Europea] pagaranse nas contas bancarias” das e dos labregos, cun reforzo das axudas fiscais ao sector e “un importante plan de control da trazabilidade dos produtos”.

Tamén defendeu que “debe haber unha excepción agrícola francesa”, en contestación ás críticas dos sindicatos pola excesiva burocracia. En todo caso, insistiu en que haberá novos anuncios “nas próximas horas e días”.

Os problemas das importacións ucraínas

Arredor das importacións procedentes de Ucraína, a baixo prezo e sen cumprir cos estándares demandados ás e aos produtores franceses, o presidente Emmanuel Macron subliñou que busca “regular” o comercio de aves de curral con Kíiv, o que canda os cereais puxo como exemplo dun “volume” que “está a desestabilizar o mercado europeo”.

Ademais, o ministro de Agricultura, Marc Fesneau, estará mañá en Bruxelas para debater as reivindicacións das organizacións labregas.

Continúan as mobilizacións

Non obstante, a axencia AFP informou de que tras o discurso unha columna de tractores reactivou a súa marcha cara a París, ao tempo que máis de 20 bloqueos de autoestradas permanecían activos, incluídos os situados na contorna da capital francesa.

Comentarios