A primeira folga xeral contra Milei paraliza o territorio arxentino

Tras apenas un mes e medio de Goberno, as políticas de extrema dereita aplicadas polo mandatario arxentino, Javier Milei, motivaron a convocatoria dunha folga xeral para trasladar o rexeitamento xeneralizado das traballadoras e traballadores.
Mobilización hoxe en Bos Aires na primeira folga xeral contra o Goberno do ultradereitista Javier Milei. (Foto: Martin Cossarini / DPA)
photo_camera Mobilización hoxe en Bos Aires na primeira folga xeral contra o Goberno do ultradereitista Javier Milei. (Foto: Martin Cossarini / DPA)

Ducias de milleiros de persoas sumáronse hoxe á mobilización que se estendeu polo centro de Bos Aires, a capital arxentina, no contexto da primeira folga xeral en contra das políticas do presidente de extrema dereita, Javier Milei.

A marcha, conformada no seu treito final por múltiples columnas que partiron de distintos puntos da urbe, e que se replicou noutras partes do país e do mundo, con actos en Montevideo, Madrid, Londres, Berlín e París, foi convocada baixo o lema "A patria non se vende" pola Confederación Xeral do Traballo (CXT), a Central de Traballadoras e Traballadores da Arxentina (CTA-T), a Central de Traballadores da Arxentina Autónoma (CTA-A), a Unión de Traballadores e Traballadoras da Economía Popular (UTEP), as Nais e Avoas da Praza de Maio e outros movementos sociais, pequenas e medianas empresas, grupos en defensa dos dereitos humanos e entidades do ámbito da saúde, a cultura ou o ensino.

A mobilización coincidiu co comezo da folga ás 12 da maña (hora local, ás 16 horas na Galiza), nun paro que se prolongou até a medianoite (ás 4 da maña no país).

Os berros das persoas que participaron na protesta reclamaron respecto aos dereitos laborais e á xustiza social, criticando as dúas normas principais lanzadas por Milei, o decreto de necesidade e urxencia e o proxecto de 'lei ómnibus', que se atopa no Congreso, e que viran o país cara ao neoliberalismo extremo.

A proxección do Observatorio da Débeda Social Arxentina para o primeiro trimestre deste ano, xa adaptado ás medidas emitidas polo presidente, sostén que a metade da poboación vivirá baixo o limiar da pobreza.

O indicador supón cinco puntos máis que cando o mandatario foi investido, o 10 de decembro, unha alza motivada “pola caída da taxa de emprego, o aumento da inflación e a baixada do salario real no sector formal e, peor aínda, no sector informal”, debullou Agustín Salvia, director do centro de investigación da Universidade Católica Arxentina, que impulsa o Observatorio.

Asemade, adianta que a “Arxentina vai manter en 2024 a metade da poboación baixo o limiar da pobreza mentres non se xere unha crise na cadea de pagos, con feche de estabelecementos”, unhas circunstancias nas que podería escalar até 55%.

As medidas neoliberais impulsadas por medio dun decreto, que ten que abordar o lexislativo, desregularizan amplos sectores económicos, acabando con distintos mecanismos como os que permitían ao Estado intervir para evitar que o incremento dos prezos fixese inaccesíbeis os produtos de primeira necesidade, e abriron a porta á privatización de empresas públicas.

Caída dos salarios

En pouco máis dun mes, os alimentos subiron 30%, 36% os considerados básicos, 73% a carne ou 60% os combustíbeis. Tras aplicar Milei unha desvalorización ao peso arxentino de 54%, o salario real caeu entre 10% e 15% e as persoas pensionistas perderon entre 32% e 100% do seu poder adquisitivo. O prezo dos medicamentos é un 85% máis alto que cando tomou posesión do cargo.

En comparación con decembro do ano anterior, o mes pasado o consumo reduciuse 13,7%, coa produción das pequenas industrias caendo 26,9%, refiren os datos da Confederación Arxentina de Medianas Empresas (CAME).

A pesar disto, aínda non impactaron na poboación varias das decisións de Milei, que ao entrar en vigor farán que febreiro e marzo sexan “demoledores”, subliña o xornal Página12 en alusión á subida dos billetes de transporte e a unhas facturas de luz e de gas que se multiplicarán por oito pola fin das axudas.

A isto hai que engadir o incremento na represión policial, con máis de 30 mortes a mans das forzas de seguridade desde a investidura do presidente.

Un traballo demoscópico do Centro de Estudos de Opinión Pública para o medio indica que 50,1% das persoas enquisadas “apenas chega a fin de mes” e 29,8% directamente non chega. Tamén desvela unha caída no apoio popular a Milei, que tería pasado de 61% na súa investidura a 52% a pasada semana. En decembro, un 29% defendía que o rumbo non era correcto, unha porcentaxe que agora xa é dun 45%.

As políticas económicas de Milei, moi cuestionado polo seu discurso extremo a pasada semana no Foro de Davos, no que afirmou que Occidente “virou” en dirección ao socialismo, provocaron nas súas primeiras semanas de Goberno que a inflación interanual saltara do 160,9% de novembro ao 211,4% co que acabou o ano.

Desde comezos da década de 1990, a inflación non chegara a niveis semellantes. Milei asevera que o seu obxectivo é reducir a inflación, pero argumenta que a porcentaxe comezará a baixar eventualmente. Expertos como Juan Manuel Telechea, director do Instituto do Traballo e Economía, avanza que “o axuste fiscal vai provocar unha importante caída do consumo” que “case con seguridade se traduza nunha recesión”, axudando a limitar a inflación.

A 'lei ómnibus' avanza na Cámara de Deputados

As principais normas lanzadas polo presidente ultradereitista están en mans do lexislativo. No que atinxe ao decreto de necesidade e urxencia, as disputas entre representantes da Liberdade Avanza -a formación de Milei- e da progresista Unión pola Patria polo número de asentos na Comisión Bicameral de Tratamento Lexislativo que lles corresponde impediu conformar o organismo, encargado de emitir un ditame. O decreto ficará anulado se votan en contra ambas as dúas Cámaras.

Desta norma está suspendida a reforma laboral, que reducía as indemnizacións por despido e a baixa por embarazo e elevaba o período de proba, por decisión da Xustiza.

Ao respecto do coñecido como "proxecto ómnibus", remitido ao Congreso co fin de modificar unha vintena de leis de múltiples ámbitos, está pendente de abordarse no pleno da Cámara de Deputados ao obter a ultradereita o apoio das forzas conservadoras para que o documento fora aprobado en tres comisións tras aceptar modificacións.

Así, a petroleira YPF quedará excluída do proceso de privatizacións, un grupo de sociedades públicas manterase baixo o control do Estado e a declaración de emerxencia estará limitada a un ano, que se poderá prorrogar outro máis.

Comentarios