O cesto da compra arxentino subiu 50% desde a chegada de Javier Milei

O presidente tira ferro ao golpe xudicial contra medidas do seu Goberno.
O presidente arxentino, Javier Milei, na toma de posesión. (Foto: Nacho Sánchez / Télam)
photo_camera O presidente arxentino, Javier Milei, na toma de posesión. (Foto: Nacho Sánchez / Télam)

En menos dun mes de xestión do Goberno do ultraliberal Javier Milei, a alza de prezos do cesto da compra achegouse ao 50% nos comercios dos barrios onde viven as clases populares, unha suba que se suma á inercia de anos de inflación sostida no tempo.

Así o indica o informe publicado por Isaac Rudnik, Director Nacional do Instituto de Investigación Social, Económica e Política Cidadá (Isepci), e baseado en 850 negocios de proximidade de barrios populares da contorna de Bos Aires. Concretamente, o estudo sinala que unha familia precisa unha cantidade de diñeiro 48,48% superior a hai 30 días para custear alimentos.

Con todo, Rudnik tamén sinala a un incremento de 45,71% no prezo do cesto básico total, que inclúe, ademais dos alimentos, un conxunto de produtos que son igualmente indispensábeis para a vida cotiá das familias.

"Os partidos teñen 90 minutos"

Milei restou importancia aos "obstáculos" xudiciais e políticos ás reformas que xa comezou a emprender no Goberno arxentino, entre eles o decreto que fomenta a desregulación económica, e confiou en que "todo vai saír adiante", independentemente dos contratempos a curto prazo: "Os partidos teñen 90 minutos, no terminan até a pitada final"

Un día despois de que a Cámara Nacional de Traballo suspendera a parte do decreto relativa á reforma laboral e mentres medran as dúbidas sobre o recorrido das súas propostas no Congreso, Javier Milei afirmou nunha entrevista radiofónica que "non facer nada" ou continuar "facendo o mesmo" é "infinitamente peor" para Arxentina. 

Comentarios