Denuncian que foron asasinadas na Arxentina 32 persoas nos primeiros 35 días de Presidencia de Milei

"Dicimos non a este intento de dar impunidade total ao gatillo fácil e convocamos lexisladores e toda a cidadanía a resistilo, en defensa da vida e dos nosos dereitos", destacou o movemento Contra a Represión Policial e Institucional.
O presidente da Arxentina, Javier Milei, a pasada semana. (Foto: Juan Mabromata / Europa Press / Contacto)
photo_camera O presidente da Arxentina, Javier Milei, a pasada semana. (Foto: Juan Mabromata / Europa Press / Contacto)

As forzas de seguridade da Arxentina mataron 32 persoas nos primeiros 35 días do Goberno do presidente Javier Milei, denunciou a Coordinadora Contra a Represión Policial e Institucional (Correpi).

"Xa son 32 as persoas asasinadas polas forzas represivas estatais. Coa aprobación da 'lei ómnibus' que legaliza o gatillo fácil [uso abusivo de armas de fogo polas forzas de seguridade] e profunda toda a política represiva, só se pode esperar que o escenario empeore", dixo a organización nun comunicado.

Neste sentido, detallou que, desas 32 mortes, 12 foron "fusilamentos de gatillo fácil", mentres que 16 morreron en prisións ou comisarías. Ademais, rexistráronse tres "asasinatos intrafamiliares" e un "feminicidio de uniforme". Noutra publicación, desde a Correpi indicaron que, se se aproba a 'lei ómnibus', "será imposíbel tentar unha acción penal contra o funcionario público que mate persoas desarmadas ou por detrás".

"Impunidade total"

"Dicimos non a este intento de dar impunidade total ao gatillo fácil e convocamos lexisladores e toda a cidadanía a resistilo, en defensa da vida e dos nosos dereitos", destacou o movemento.

Recentemente transcendeu que a controvertida lei sería tratada pola Cámara de Deputados a vindeira quinta feira, un día despois do paro nacional arxentino convocado pola Confederación Xeral de Traballadores para o 24 de xaneiro.

Comentarios