Comeza na Arxentina o debate sobre as novas medidas propostas por Milei

As iniciativas do presidente xeraron unha gran contestación nas rúas.
O presidente arxentino, Javier Milei, na toma de posesión. (Foto: Nacho Sánchez / Télam)
photo_camera O presidente arxentino, Javier Milei, na toma de posesión. (Foto: Nacho Sánchez / Télam)

No medio da tensión e das masivas protestas que protagoniza a cidadanía contra a controvertida 'lei omnibús' e o Decreto de Necesidade e Urxencia (DNU), ditado polo Goberno de Javier Milei na Arxentina, a chamada oposición "dialoguista" instou o mandatario a lograr un consenso dentro do Parlamento.

A apelación deste sector opositor, formado por distintas faccións do que no seu momento foi a alianza macrista Xuntos polo Cambio, fíxose xusto antes de que esta terza feira tres comisións da Cámara de Deputados: a de Lexislación Xeral, a de Orzamento e a de Asuntos Constitucionais, comezasen o debate do asunto.

O proxecto xera alarma na poboación porque o controvertido texto alteraría o funcionamento do Estado como se coñecía até  o de agora, pois segundo denuncian sectores detractores do presidente, este poría en risco múltiples sectores produtivos e privatizaría os recursos naturais e enerxéticos da Arxentina.

Para aprobar unha lei na Cámara de Deputados, as forzas necesitan unha maioría simple de 129 votos dos 257 membros, mentres que no Senado, precisan 37 dos 72 que integran a última instancia do Parlamento. Unha votación afirmativa en calquera das dúas institucións valería a Milei para sacar adiante o seu controvertido proxecto.

Porén, para isto, está obrigado a buscar alianzas, pois a esquerda, agrupada na coalición Unión pola Patria, segue a ser a primeira forza política da Arxentina. Por este motivo, os ultraliberais da Liberdade Avanza (o partido de Milei) buscan concretar acordos con Unión Cívica Radical (centro) e Facemos Coalición Federal (unión de forzas liberais), integrada por Facemos polo noso País, Cambia Federal e Coalición Cívica.

Comentarios