O Fondo Monetario desembolsará 4.200 millóns de euros a Arxentina

O acordo permitirá asumir os vencementos.
Caputo, ministro arxentino de Economía, e Macri, ex presidente (Foto: Casa Rosada).
photo_camera Caputo, ministro arxentino de Economía, e Macri, ex presidente. (Foto: Casa Rosada).

O Goberno da Arxentina e o Fondo Monetario Internacional (FMI) chegaron a un acordo para o desembolso a este Estado de 4.200 millóns de euros no marco da sétima revisión do Programa de Facilidades Estendidas (SAF).

O FMI sinalou que o pacto foi alcanzado sobre "un conxunto reforzado de políticas". O desembolso, que servirá para pagar os vencementos de capital, estaba previsto para novembro, mais as eleccións atrasaron as conversacións.

A pesar de que os axustes económicos realizados polo Executivo do ultraliberal Javier Milei foron sinalados polo organismo como a base para obter o financiamento, o portavoz presidencial arxentino, Manuel Adorni, afirmou esta quinta feira que por primeira vez na historia, o FMI non estabeleceu os termos do acordo cun Estado.

Pola súa parte, o ministro arxentino de Economía, Luis Caputo, asegurou que o programa non contempla asumir nova débeda, mais si implementar políticas para reducir o déficit, co obxectivo de "non ter que pedir máis préstamos". Porén, matizou, o FMI si estaría disposto a emprestar máis cartos.

Comentarios