A CXT arxentina convoca a primeira folga xeral contra Milei, que intenta concentrar todo o poder

O 24 de xaneiro a greve decorrerá en todo o país.
Protesta en Bos Aires a cuarta feira. (Foto: Julian Varela / telam / DPA)
photo_camera Protesta en Bos Aires a cuarta feira. (Foto: Julian Varela / telam / DPA)

O Comité Central Confederal da Confederación Xeral do Traballo da Arxentina decidiu hoxe convocar a partir das 12 horas (as 16 horas na Galiza) do 24 de xaneiro a primeira folga xeral a nivel nacional en rexeitamento das políticas do presidente de extrema dereita Javier Milei.

Un dos líderes da forza sindical, Héctor Daer, referiuse á denominada ‘lei omnibús’, enviada polo Executivo horas antes ao Congreso, sostendo que “aumenta a maldade de forma exponencial” e que o mandatario declarou "unha guerra total", todo isto tras o polémico decreto que elimina ou modifica máis de 300 leis. Ao divulgarse o contido da nova proposta milleiros de persoas protagonizaron cazoladas en distintos puntos do país a modo de protesta.

A lei da ultradereita busca cambiar máis de 600 leis á vez e que o lexislativo delegue a capacidade de lexislar ao Goberno por medio dunha declaración de emerxencia pública de dous anos, que podería estenderse até a fin do Executivo de Milei.

A norma tamén avalaría as mudanzas do decreto emitido a pasada semana ante as denuncias de inconstitucionalidade, privatizaría todas as empresas públicas e acabaría con varias leis de protección ambiental, permitindo por exemplo a actividade mineira perto dos glaciares. Amais, reduciría as pensións, aumentando ao tempo os impostos á produción agrícola.

Outro dos aspectos controvertidos é que daría luz verde á entrada no país de militares estranxeiros. A nivel electoral, elimina as primarias e os límites ás achegas de persoas físicas e xurídicas aos partidos políticos, diminuíndo a representación das provincias con menos poboación e cambiando o sistema de elección de listas fechadas ao modelo británico, no que cada circunscrición elixe unha ou un representante.

Represión da protesta

Perante as previsíbeis protestas e a pesar da suposta defensa da “liberdade” que propugna o ultradereitista, as mudanzas no Código Penal mutilan o dereito a manifestarse, obrigando a que calquera reunión de máis de tres persoas para protestar nun espazo público teña que ser autorizada polo Ministerio de Seguridade.

O endurecemento de delitos como atentado contra a autoridade, usado polo xeral para perseguir as persoas que protestan, implica até seis anos de cárcere, unha pena maior que a dun homicidio por neglixencia agravado, penado con cinco anos. Asemade, amplía os supostos nos que as forzas de seguridade poden facer uso das súas armas de fogo, vetando que as familias de persoas asasinadas pola Policía poidan denunciar a súa actuación.

Comentarios