Máis de 10 crianzas mutiladas ao día en Gaza: este é o resultado de tres meses de asedio

O número de palestinas e palestinos falecidos supera os 22.700.

Crianzas palestinas refuxiadas coas súas familias na escola Abu Youssef Al-Najjar, en Rafah. (Foto: Mohammed Talatene / dpa)
photo_camera Crianzas palestinas refuxiadas coas súas familias na escola Abu Youssef Al-Najjar, en Rafah. (Foto: Mohammed Talatene / dpa)

A ONG Save the Children denunciou este domingo que, de media, máis de dez crianzas ao dia perderon unha ou ambas as pernas en Gaza desde que Israel intensificou o seu asedio sobre o pobo palestino, o 6 de outubro de 2023, hai hoxe tres meses.

En total, a máis de 1.000 crianzas amputáronlle unha ou ambas as pernas segundo o Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (Unicef), e moitas destas operacións realizáronse sen anestesia polas deficiencias que o sistema sanitario gazatí padece a consecuencia dos ataques israelís.

“O sufrimento das crianzas” neste masacre “é inimaxinábel e máis aínda porque é innecesario e completamente evitábel. Este sufrimento, o asasinato e a mutilación de crianzas son graves violacións cara a infancia, e os perpetradores deben render contas”, lamentou o director de Save the Children para o Territorio Palestino Ocupado, Jason Lee.

Lee subliñou que as crianzas atrapadas en explosións son particularmente vulnerábeis a sufrir lesións graves que lles cambiarán a vida xa que os seus ósos non están completamente formados nin os seus músculos totalmente desenvolvidos.

Ademais, a parálise do sistema de saúde e a grande escaseza de persoal sanitario e de recursos como anestesia e antibióticos fixeron que o persoal médico a cargo se vexa completamente sobrepasado cando as crianzas chegan con feridas de explosión.

“O impacto de ver crianzas con tanta dor e non ter o equipo, os medicamentos para tratalos ou aliviar a dor é demasiado incluso para as profesionais experimentadas. Aínda que se trate dunha zona de guerra, as imaxes e os sons dunha crianza mutilada polas bombas non pode conciliarse e moito menos entenderse dentro dos límites da humanidade”, describiu o director da ONG.

Alto o fogo definitivo

Nesta situación, Save the Children reivindicou que só un alto o fogo definitivo poderá rematar coas mutilacións e as mortes de civís, así como permitir a chegada da axuda humanitaria.

“A menos que a comunidade internacional adopte medidas para cumprir coas súas responsabilidades en virtude do Dereito Internacional Humanitario e previr os crimes máis graves de importancia internacional, a historia xulgaranos a todas e debería xulgarnos a todas. Debemos prestar atención ás leccións do pasado e debemos evitar que se produzan crimes atroces”, sentenciou Lee.

Segundo o Ministerio de Saúde de Gaza, máis de 22.700 palestinos e palestinas foron asasinadas e outros 58.100 resultaron feridos nos tres meses transcorridos desde o 7 de outubro, con crianzas mutiladas e asasinados a un ritmo devastador, así como familias enteiras a diario.

Comentarios