Así serán os comicios en Catalunya: segue os resultados e a análise da xornada electoral en 'Nós Diario'

A portavoz do Govern catalán, Patrícia Plaja, explicou que tanto ela como a vicepresidenta da Generalitat de Catalunya, Laura Vilagrà, irán comparecendo ante a prensa durante o domingo. Toda a actualidade destes comicios, así como o análise detallado dos resultados, estarán ao dispor dos lectores e lectoras de 'Nós Diario' a través da web do xornal.
Candidatos e candidatas ás eleccións catalás, este sábado nunha sesión de fotos (Foto: Alberto Paredes / Europa Press).
photo_camera Candidatos e candidatas ás eleccións catalás, este sábado nunha sesión de fotos (Foto: Alberto Paredes / Europa Press).

A portavoz do Govern catalán, Patrícia Plaja, explicou que tanto ela como a vicepresidenta da Generalitat de Catalunya, Laura Vilagrà, irán comparecendo ante a prensa durante o domingo. Toda a actualidade destes comicios, así como o análise detallado dos resultados, estarán ao dispor dos lectores e lectoras de Nós Diario a través da web do xornal.

Compareceron sobre as 10 horas para falar da apertura de colexios, sobre as 13.15 horas darán primeiros datos de participación (sobre datos das 13 horas), ademais de ás 18.15 horas (sobre datos das 18 horas), así como a partir das 22 para ir dando resultados provisionais, cando se acheguen ao 100% do escrutinio.

Vilagrà, a vicepresidenta da Generalitat, dixo que nas eleccións catalás deste domingo, "por primeira vez" todos os centros de votación terán tablets para introducir datos do escrutinio de cada mesa e colexio.

En rolda de prensa este sábado no Parlament, a tamén consellera da Presidencia engadiu que o sábado anterior fíxose un simulacro e funcionou, aínda que hai alternativas (sistema telefónico) se fallasen as tablets, que dan moita máis axilidade e proporcionan datos en tempo real.

Ademais de introducir datos nas tablets, os e as representantes da Administración tamén poderán introducir unha foto de todas as actas oficiais de todos os colexios e mesas, polo que "con IA poderase cotexar se hai algún erro en relación á introdución de datos manualmente". Repartíronse 4.800 tablets entre as responsábeis da Administración que deben introducir os datos.

Datos por colexios en web e app

Seguirá habendo unha web e unha app gratuítas para consultar datos (Eleccions Catalunya 2024), onde "por primeira vez" haberá datos tamén por colexios. Quen velará por toda esta difusión de datos serán unhas 500 persoas do Centre de Telecomunicacions i Tecnologies da Informació (CTTI) da Generalitat, no Espai Bital de L'Hospitalet de Llobregat, que Vilagrà visitou este mesmo sábado antes da rolda de prensa.

Uns 2.700 colexios e 9.000 mesas

Haberá unhas 80.000 persoas implicadas nas mesas electorais (incluíndo as suplentes) que abrirán o domingo ás 9 horas: serán 2.695 colexios electorais, con 8.940 mesas. Haberá dispoñíbeis 5,8 millóns de papeletas impresas e 6,2 millóns de sobres.

Voto por correo e no estranxeiro

Hai 5.754.840 persoas chamadas a votar este domingo ás eleccións catalás, entre residentes en Catalunya e no estranxeiro: en Catalunya son 4.051.040, e 294.508 persoas poden exercer o seu dereito desde o estranxeiro, das que xa votaron 8,23% (24.233 persoas).

Este 8,23% é "unha porcentaxe un pouquiño máis alta do que viña sendo habitual nestas eleccións": Vilagrà atribúeo a que desde 2022 eliminouse o voto rogado (polo cal as votantes debían pedir a documentación), así que xa todas estas persoas reciben as papeletas da súa demarcación no seu domicilio do estranxeiro, e tamén poden baixalas da internet.

En canto ao voto por correo, xa emitiron o seu voto 106.031 persoas, o que supón 1,95% do censo. Están convocados por primeira vez a unhas eleccións no Parlament 243.003 novas votantes, despois de cumprir a maioría de idade desde a última cita electoral.

Seguridade

Respecto á seguridade, o domingo mobilizaranse até 7.300 policías (máis de 3.000 axentes locais e uns 4.300 mossos d'Esquadra), ademais de vixiantes municipais. Cubrirán todos os colexios para garantir o dereito a voto: 56% destes centros de votación estarán cubertos por mossos e 44% por policías locais.

Comentarios