A fame e a propagación de enfermidades, novas ameazas para unha Gaza devastada con case 22.200 mortos

En Cisxordania as tropas de Israel mataron nas últimas horas outros catro mozos palestinos, elevando o cómputo desde o pasado 7 de outubro a máis de 300.
A escaseza de bens básicos e a propagación de enfermidades, unha nova (e seria) ameaza para a poboación palestina en Gaza. (Foto: Saher Alghorra / Europa Press / Contacto)
photo_camera A escaseza de bens básicos e a propagación de enfermidades, unha nova (e seria) ameaza para a poboación palestina en Gaza. (Foto: Saher Alghorra / Europa Press / Contacto)

Unhas 22.185 persoas morreron desde o pasado 7 de outubro na Faixa de Gaza como consecuencia dos incesábeis ataques israelíes sobre o territorio, segundo as últimas estimacións das autoridades sanitarias. Á elevada e insólita cifra de falecidos súmanse até 57.035 feridos de diversa consideración.

Nada menos que nove de cada dez centros de ensino sufriron danos directos ou indirectos dos bombardeos, entre elas 65 escolas da rede da Axencia da ONU para os Refuxiados de Palestina (UNRWA). Nas instalacións desta organización refúxianse actualmente máis de 1,4 millóns de palestinos e palestinas que se viron forzadas a abandonar os seus fogares, dos que até 70% foron xa destruídos ou parcialmente danados.

Mais non só as bombas e as incursións terrestres das tropas de Israel son unha ameaza para a poboación civil, pois a fame e as enfermidades derivadas da escaseza de bens básicos fan cada vez máis estragos. "Os gazatíes morren agora cunha maior facilidade pola propagación de enfermidades", alerta esta terza feira a directora de Comunicacións da UNRWA, Tamara Alrifai. Catro de cada dez persoas pasan fame, segundo a ONU.

O Exército hebreo gabouse hoxe de matar "decenas de terroristas" nunha nova ofensiva sobre Jabalia, que conta cun dos principais campamentos de refuxiados. Co mesmo pretexto Israel atacou nas últimas horas diferentes infraestruturas do sur do Líbano e as proximidades da capital de Siria, Damasco, deixando en ambos os casos un número impreciso de vítimas.

A ofensiva prosegue tamén en Cisxordania, onde os militares asasinaron hoxe catro palestinos de entre 18 e 29 anos en Qalqilia acusados de disparar previamente ás tropas, elevando o cómputo neste territorio por riba dos 300 mortos desde o 7 de outubro. "A incansábel agresión de Israel devastará toda a rexión; é un xenocidio", volveu denunciar esta terza feira a Autoridade Palestina.

Comentarios