A poboación tigriña trata de voltar á normalidade após a fin da guerra

A guerra entre Etiopía e Tigrai era até o seu final a deflagración bélica máis sanguenta dos 110 conflitos armados que se están a combater nestes momentos no planeta. Aínda así, o territorio volve paulatinamente á normalidade e celebra as informacións que revelan a marcha de soldados eritreos, que nos últimos meses foron a principal fonte da violencia que sufriron os tigriñas.
Festa de Abune Tekle Haymanot en Tigrai, na que se homenaxea un dos monxes etíopes máis importantes (Foto: File Filmon).
photo_camera Festa de Abune Tekle Haymanot en Tigrai, na que se homenaxea un dos monxes etíopes máis importantes (Foto: File Filmon).

Unha das boas novas coas que concluíu 2022 foi o acordo de paz asinado en novembro entre o Goberno etíope de Abiy Ahmed e a Fronte Popular de Liberación de Tigrai (TPLF), que goberna a rexión situada no norte de Etiopía.

Malia que a priori o pacto puxo fin ás hostilidades, moitos puntos quedaron por fechar nos primeiros meses, como a presenza de tropas eritreas, reclamadas por Abiy para reforzar as súas Forzas Armadas durante a ofensiva contra Tigrai, e que continuaron efectuando saqueos e masacres no territorio.

A mediados de decembro, Tedros Adhanom Ghebreyesus, tigriña que dirixe a Organización Mundial da Saúde, comezou a chorar após unha conferencia informativa sobre a Covid-19 ao trasladar que lle acababan de confirmar que “o meu tío foi asasinado polo Exército eritreo”.

Malia o atraso, finalmente, testemuñas citadas por Reuters e Bloomberg confirmaron nas últimas xornadas os desprazamentos dos soldados de Eritrea de volta cara ao país, así e todo, aínda non está claro se é un repregamento total ou parcial.

Axuda humanitaria

A guerra deixou Tigrai devastado, especialmente polos bombardeos aéreos etíopes, así como por diversas ofensivas que non foron quen de impor o control sobre o rival nos dous anos de combates, primeiro do Exército federal e de Eritrea, despois das e dos tigriñas co apoio doutros movementos armados, chegando a programar un asalto á capital, Adís Abeba, e en última instancia dos militares etíopes e eritreos sen ser quen de facerse co territorio.

A Organización das Nacións Unidas alertou de que até nove millóns de persoas precisaban axuda humanitaria, incluídos 2,3 millóns de crianzas, unha asistencia que foi case imposíbel de entregar polo bloqueo ao que estivo sometido nunha guerra que deixou até 800.000 mortes.

Volta dos servizos

Coa sinatura do acordo, esta axuda comezou a entrar en Tigrai, nun lento proceso de volta á normalidade intensificado a partir da reunión entre as autoridades tigriñas e etíopes a finais de decembro -a primeira de integrantes do Gabinete federal en dous anos, na que amais de instar a retirada das tropas eritreas fechouse un plan de reactivación dos servizos institucionais e comezar coa reparación das infraestruturas, o que foi celebrado por Getachew Reda, voceiro da formación tigriña. Asemade, desbloqueáronse os obstáculos que limitaban a chegada de axuda humanitaria.

Na capital, Mekelle, volveron abrir as súas portas algúns comercios e estabelecementos como o Commercial Bank, a principal entidade financeira etíope, que ofrece os seus servizos por primeira vez en máis dun ano. Tamén comezaron de novo a aterrar en Tigrai os voos de Ethiopian Airlines pouco antes do Aninovo. O tigriña Kahssay Hailu, que quedou varado na capital etíope cando estalou a guerra, subliñou en declaracións a Al Jazeera antes de viaxar que irá directamente a casa da súa familia “coa esperanza de que todos estean alí e a salvo”, após dous anos nos que Etiopía bloqueou toda comunicación co territorio.

O avance na implementación do acordado, garantido por un comité de supervisión, permitiu a chegada da Policía Federal, instruída para “protexer as institucións”, apuntaron as forzas de seguridade.

Desarme

Unha vez se corrobore a marcha definitiva do Exército de Eritrea de Tigrai e a reactivación íntegra de todas as subministracións fundamentais, un dos puntos chave do cesamento definitivo dos combates asinado en Suráfrica é o desarme dos arsenais en poder do TPLF, un compromiso que reiteraron en distintas ocasións os tigriñas, en todo caso dependendo do cumprimento das condicións previas.

Comentarios