mércores 20/10/21

O etíope que Etiopía non quere na OMS

Con pasaporte etíope, mais tigriña de nación, o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, conseguiu o apoio inesperado de Alemaña para postularse para un novo mandato á fronte do organismo sanitario da ONU. O Goberno alemán confirmou a decisión horas antes de que, ás 18 horas de onte, vencese o prazo para presentar candidaturas. 
tedros_xi_xinhua
O director xeral da Organización Mundial da Saúde é recibido en Beijing polo presidente da China, Xi Jinping, o 28 de xaneiro de 2020 (Foto: Ju Peng / Xinhua)

Previsibelmente será o único candidato na votación secreta que se desenvolverá en maio do ano que vén durante a asemblea da OMS, mais oficialmente a axencia non fará públicos o nome ou nomes dos aspirantes ao mandato de cinco anos até o próximo mes de novembro.

Tedros, de 56 anos, foi elixido en 2017, converténdose no primeiro cidadán dos continente africano en liderar a OMS. Con anterioridade fora ministro de Sanidade e de Exteriores do Goberno de Etiopía.

É a súa procedencia que, até a aparición de Alemaña, complicaba a súa reelección. Ao igual que sucede noutros organismos multilaterais, a candidatura para un posto deste tipo vén habitualmente impulsada polo país de orixe do postulante. Mais o estalido en novembro de 2020 do conflito en Tigray, unha das 12 unidades federais de Etiopía, tocou directamente a Tedros.

Desde 1994 Etiopía réxese polo sistema de "federalismo étnico", onde a cada un dos pobos máis numerosos lle corresponde un dos Estados federados principais. En Tigray, 95% da poboación é tigriña e desde a súa fundación está gobernado pola marxista-leninista Fronte Popular de Liberación de Tigray (FPLT, popularmente, Weyane).

A vitoria hai un ano da FPLT nas eleccións tigriñas, con máis de 98% dos votos, foi rexeitada polo Goberno central do primeiro ministro, Abiy Ahmed. O 4 de novembro anunciaba o inicio dunha ofensiva militar contra a FPLT en resposta a un suposto ataque ─que o Weyane negou─ contra unha base do Exército federal en Mekelle.

Desde entón, organismos internacionais como a Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU (OCHA), documentaron asasinatos e violacións, así como o avance da cólera e da fame, e o desprazamento de miles de refuxiados. O Goberno dos EUA conminou o Goberno etíope e as tropas da veciña Eritrea a respectar os dereitos humanos e non "cometer actos de limpeza étnica". 

Heroe e vilán

Situación á que o tigriña Tedros non foi alleo e que trouxo a colación constantemente nas súas comparecencias públicas destes últimos meses. En decembro, na última conferencia do ano para facer balance sobre a crise sanitaria provocada pola Covid-19, sinalou que "2020 foi un ano moi difícil para min", aludindo á "devastadora guerra" en Tigray.

Semanas antes, emitira un comunicado para negar as denuncias do xefe do Exército etíope, que o acusara de buscar apoio financeiro para que o FPLT  ─con quen foi ministro─ puidese adquirir armamento. 

Esta é a principal razón de que Etiopía lle retirase o apoio; e tamén de que ningún país africano dese o paso de avalalo e evitar así un conflito diplomático. 

Non obstante, o actual director xeral da OMS está considerado un heroe na maioría do continente pola firme defensa dunha vacinación masiva contra a Covid-19 que non exclúa os países con menos ingresos, nomeadamente os da África subsahariana. 

Tedros leva advertindo desde xaneiro do "fracaso moral catastrófico" que supón a inequidade no acceso ás vacinas. "Un vimbio máis do cesto da desigualdade entre os que máis e menos teñen no mundo", dixo entón e continúa a repetilo a día de hoxe.

Ademais, logrou incomodar tanto a EUA como a China. Desde que foi elixido, Tedros estivo no punto de mira da extrema dereita internacional, con Donald Trump á cabeza; máis aínda coa pandemia. Cualificado de "comunista" polo seu pasado no Goberno da FPLT, o ex presidente estadounidense acusouno de actuar ás ordes de Beijing, ocultando datos que implicarían o Goberno chinés no xurdimento e expansión do novo coronavirus. 

E recentemente, tras a chegada de Joe Biden á Casa Branca, é a China quen está a adoptar unha postura máis hostil coa OMS tras a petición dunha segunda investigación máis exhaustiva sobre a orixe do virus. En xullo, Tedros manifestou que as pescudas estaban a ser obstaculizadas pola falta de colaboración de Beijing na entrega de datos orixinais sobre os primeiros días. 

comentarios