O Goberno etíope ataca campos de refuxiados en Tigrai

Arredor de 56 vítimas mortais e decenas de persoas feridas nun novo ataque do Exército estatal que recrúa o conflito coas milicias rebeldes da Fronte Popular para a Liberación de Tigrai.
Vítimas de desprazamento forzoso no territorio de Tigrai acollidas nunha escola en Mekelle. (Foto: OIM Etiopía)
photo_camera Vítimas de desprazamento forzoso no territorio de Tigrai acollidas nunha escola en Mekelle (Foto: OIM Etiopía).

O Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) vén de trasladar a súa "indignación" polos recentes ataques contra campos de refuxiados na rexión etíope de Tigrai, epicentro da guerra iniciada en noviembre de 2020, e teme que haxa cativos mortos e feridos polas citadas ofensivas.

"Unicef expresa a súa indignación polos ataques aéreos contra campamentos para persoas desprazadas internas e refuxiadas en Tigrai", sinalou a directora executiva do organismo, Henrietta Fore, nunhas declaracións recollidas pola axencia Europa Press.

Así, a entidade dependente da ONU apunta a un bombardeo decorrido hai tres días, que tería alcanzado unha escola na localidade de Dedebit, reconvertida hoxe en centro de acollida para persoas desprazadas pola guerra.

Neste senso, o portavoz da Fronte Popular para a Liberación de Tigrai (TPLF), Getachew Reda, acusa o Exército estatal de ter protagonizado este ataque con avións non tripulados.

As traballadoras e traballadores humanitarios estiman en 56 as vítimas mortais, se ben Unicef desbotou ofrecer cifras concretas, malia que si sinalou que os ataques das últimas datas "acabaron coa vida de decenas de civís e deixaron feridas moitas máis persoas".

"Non respectar os campos de refuxiados e non protexelos dos ataques pode constituír unha violación do dereito internacional humanitario", lamentou Henrietta Fore.

Aliás, a alta funcionaria de Unicef acusou "todas as partes" de perpetrar "brutais actos de violencia e violacións graves dos dereitos dos nenos e nenas en todo o norte de Etiopía".

Comentarios