Os tigriñas advirten que ou se rende o Goberno ou tomarán Adís Abeba

As forzas en contra do Goberno de Abiy Ahmed comezan a fechar as estradas que levan á capital, ao tempo que fan un chamamento ao gabinete a renderse ou asumir que a tomarán militarmente.
Getachew Reda, do TPLF, no centro da imaxe. (Foto: Unicef Etiopía)
photo_camera Getachew Reda, do TPLF, no centro da imaxe. (Foto: Unicef Etiopía)

A Fronte Unida de Forzas Federalistas e Confederalistas Etíopes (Ufefcf), liderada pola Fronte de Liberación Popular de Tigrai (TPLF) xunta o Exército de Liberación Oromo (OLA) e sete forzas políticas e militares máis, continúa a gañar terreo e xa comezou a sitiar a capital, Adís Abeba.

Onte fixéronse con Kamisee, unha localidade de 20.000 habitantes localizada a 224 km da capital, o que ratificaron desfilando pola poboación, mentres continúan os combates en Debre Birhan, a 120 km da cidade, o que lles permitiría controlar a autoestrada A2.

Tamén está en disputa a localidade de Mile, na autoestrada A1, o que suporía rachar coa principal fonte de subministración de Adís Adeba ao cortar a conexión coa República de Xibutí, que se desenvolve como a saída ao mar de Etiopía.

Activistas en contra do Goberno que encabeza Abiy Ahmed declararon a medios etíopes na madrugada da segunda á terza feira que membros do OLA xa comezaron a bloquear as estradas que se dirixen á capital.

Outras das formacións que integra a Ufefcf afirmou que se atopan moi perto e que a guerra rematará “moi pronto”. Amais, acusan o Exército de Etiopía de continuar bombardeando posicións civís.

O TPLF reclama a rendición de Abiy

O voceiro do TPLF, Getachew Reda, destacou nunha entrevista coa BBC onte que ou o primeiro ministro Abiy “acepta as súas condicións” para a rendición ou continuarán avanzando para tomar polas armas a capital do país. “O único obstáculo á solución pacífica do conflito é a obsesión de Abiy coa solución militar para o que é, en esencia, un problema político”, incidiu, “foi el quen empezou a guerra e depende del aceptar as nosas condicións e pór fin ao conflito”.

Getachew denuncia “xenocidio” en contra das e dos tigriñas por parte dos militares etíopes e eritreos, que apoiaron a Abiy, así como o bloqueo da rexión.

A Organización das Nacións Unidas recoñece que desde o 18 de outubro non entra axuda humanitaria a Tigrai, e que desde o 28 dese mes foi denegada a entrada das e dos traballadores humanitarios.

Unha semana despois de declarar o estado de emerxencia e de que marchara a meirande parte do persoal diplomático das embaixadas en Adís Abeba, Abiy defendeu en declaracións a ENA que a situación non é tan desesperada e que a Ufefcf só pretende sementar o pánico.

A unión do TPLF co OLA, que loita pola independencia da Oromía, adianta unha posíbel reconfiguración do Estado se tomban o Executivo actual, pactada na creación da Ufefcf.

Comentarios