O bombardeo etíope dun mercado de Tigrai deixa máis de 60 mortos

Despois de negar nun primeiro momento a súa responsabilidade, o Exército de Etiopía acepta a autoría do atentado mais nega que haxa vítimas civís, e defende que o mercado estaba baleiro á hora da operación. Médicos do hospital de Mekelle falan de até 80 mortos.
Manifestación a prol de Tigrai nos Estados Unidos. (Foto: Brian Branch Price / ZUMA Wire / dpa)
photo_camera Manifestación a prol de Tigrai nos Estados Unidos. (Foto: Brian Branch Price / ZUMA Wire / dpa)

Cando menos 60 persoas morreron e varias ducias máis quedaron feridas despois do bombardeo do Exército de Etiopía esta terza feira nun mercado da localidade de Togoga, na rexión de Tigrai, que leva sendo asaltada desde novembro de 2020 por forzas militares etíopes e eritreas.

Ademais, médicos do hospital de Mekelle, a capital rexional situada a 25 quilómetros de Togoga, advertiron aos medios internacionais que o número de vítimas continuará a aumentar a medida que sexan rescatadas entre os escombros e que cheguen ao hospital, segundo revela Associated Press, a cifra de falecidas podería superar as 80 persoas.

Unha veciña explicou a Reuters que o ataque chegou a unha da tarde cando o mercado estaba ateigado, ferindo o seu marido e a súa crianza de dous anos.

Fontes consultadas por Deutsche Welle apuntan que entre as vítimas do ataque hai un alto número de cativas e cativos, amais citan o persoal do hospital de Mekelle que denuncia que os militares etíopes bloquearan o acceso das ambulancias ao mercado xusto despois do bombardeo.

A Organización das Nacións Unidas (ONU) transmitiu a súa “profunda perturbación” polo ataque e pola restrición as evacuacións provocada polo bloqueo do Exército etíope da zona do atentado. “Os ataques directos contra civís e ataques indiscriminados están prohibido”, salientou Ramesh Rajasingham, asistente de asuntos humanitarios da Secretaría Xeral da ONU, que reclamou ao Goberno de Adís Adeba que dirixa coa maior celeridade unha investigación urxente do acontecido. Pola súa banda, Stéphane Dujarric, voceiro da Secretaría Xeral da ONU, solicitou maior acceso humanitario á zona.

O bombardeo chega cando as informacións dos medios rexionais inciden no avance da Fronte Popular para a Liberación de Tigrai (TPLF).

O Exército etíope, que negara nun primeiro momento a autoría do bombardeo, recoñeceu esta quinta feira a súa responsabilidade mais negou que o ataque producira vítimas civís, e sostivo que a operación se desenvolveu contra os integrantes do TPLF nun mercado que segundo o ministro de Defensa, Getnet Adane, estaba fechado.

A ONU denunciou nas pasadas semanas a situación preocupante de fame xerada na rexión de Tigrai desde o comezo da operación militar etíope en novembro, estimando que 353.000 persoas están clasificadas na fase de catástrofe humanitaria, e 1,8 millóns máis en fase de emerxencia. 

Comentarios