Erdogan demanda a Biden F-16 para que Suecia entre na OTAN

Turquía e Hungría aínda non ratificaron a adhesión de Suecia á alianza militar liderada polos Estados Unidos.
Recep Tayyip Erdogan. (Foto: Bruce Cotler / Zuma Press Wire / DPA)
photo_camera Recep Tayyip Erdogan. (Foto: Bruce Cotler / Zuma Press Wire / DPA)

O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, sostivo esta terza feira que para que o lexislativo ratifique a adhesión de Suecia á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) os Estados Unidos deberán “cumprir a súa promesa”, en referencia a brindar facilidades a Ancara para obter avións de combate F-16.

Erdogan xa anunciara na cimeira da OTAN en Vilnius, Lituania, o pasado verán, a aprobación á integración de Suecia na alianza militar dirixida por Washington, que tamén está pendente da luz verde do Parlamento húngaro.

A venda a Turquía de F-16 está sendo bloqueada no Congreso estadounidense, do que depende o Goberno de Joe Biden para aceptar a petición de Erdogan. Ademais, o Gabinete de extrema dereita de Budapest, que nun primeiro momento asumira que unha vez que Ancara desbloquease a situación outorgaría o visto e prace, solicita agora a Suecia acabar coa política de “denigración” contra o país antes de levar o asunto ao lexislativo.

Suecia, canda Finlandia, que xa forma parte da OTAN, tivo que mudar a súa lexislación antiterrorista para adecuarse ás demandas de Turquía, que reclama perseguir os activistas kurdos, que Ancara considera terroristas.

Polonia apunta Ucraína por dúas mortes en 2022

A investigación desenvolta por Polonia arredor da morte o 15 de novembro de 2022 de dúas persoas nunha antiga granxa estatal de Przewodów, perto da fronteira con Ucraína, pola explosión dun mísil, “é categórica e exclúe a posibilidade” de que “puidera ter sido disparado desde Rusia”, salientou o voceiro da Fiscalía polaca, Lukasz Lapczynski, en declaracións publicadas a terza feira polo xornal Rzeczpospolita.

O portavoz fixo fincapé na finalización da investigación “a pesar da falta de cooperación da parte ucraína, que aínda non puxo ningún material a disposición de Polonia”, e apuntou que se remitiu a Kíiv “unha solicitude de asistencia xurídica” pola que agardan resposta.

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, reiterou despois do suceso que o mísil fora lanzado por Rusia, o que foi negado polo Goberno de extrema dereita de Varsovia e polo presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, entre riscos dunha escala bélica.

A pasada semana, unha investigación do xornal The New York Times desvelou a autoría ucraína dun ataque cun mísil ao mercado central de Konstantinivka, na rexión de Donetsk, no que morreron case 20 persoas. Nesta ocasión, Zelenski tamén acusou Rusia e o seu Executivo segue a manter que non foi responsabilidade súa.

Comentarios