A maioría dos países africanos rexeita unha intervención en Níxer

Sábado comeza unha campaña para o recrutamento de voluntarios entre a poboación nixerina para colaborar co Exército na defensa do país perante unha hipotética intervención militar estranxeira.

Niamey a semana pasada. (Foto: Zheng Yangzi / Xinhua News / Contactophoto)
photo_camera Niamey a semana pasada. (Foto: Zheng Yangzi / Xinhua News / Contactophoto)

Malia que a finais da pasada semana o presidente da Comisión da Unión Africana (UA), Moussa Faki Mahamat, transmitiu o apoio da entidade á activación por parte da Comunidade Económica de Estados de África Occidental (Cedeao) dunha forza militar para eventualmente restituír no poder o presidente nixerino Mohamed Bazoum logo de que os militares o depuxeran a finais de xullo nun golpe de Estado, o certo é que os países do norte, centro e sur de África están en contra dunha intervención militar, admitiu a cuarta feira a RFI un diplomático africano.

Isto transcendeu a raíz da reunión do Consello de Paz e de Seguridade da UA a pasada segunda feira para abordar a declaración da Cedeao. Desde esa data, os Estados membros do órgano negocian sen éxito os termos exactos dunha declaración final da xuntanza, ao ser un texto que “nos compromete colectivamente”, apuntou o diplomático.

Asemade, subliña que nunha reunión que definiu como “difícil”, “moi franca” e “moi longa”, algúns países “desexaban poder expresar reservas e pedir aclaracións da secuencia que podería conducir” a unha saída militar.

Ao tempo, AP informa de que os residentes da capital nixerina, Niamey, desenvolven unha iniciativa para impulsar o recrutamento masivo de persoas voluntarias para axudar o Exército perante unha hipotética intervención militar estranxeira. O grupo detallou que amais de loitar tamén buscan colaborar no que respecta á atención médica ou á loxística precisa para o enfrontamento.

Está previsto que a campaña de recrutamento, independente da Xunta Militar que dirixe o país, comece o sábado na capital e en cidades que se prevé susceptíbeis de sufrir un ataque, como as situadas perto das fronteiras con Nixeria ou Benín.

Mucahil Durmaz, analista de Verisk Maplecroft, consultora de riscos a nivel global, destacou que “unha intervención militar sen fin á vista corre o risco de desencadear unha guerra rexional, con consecuencias catastróficas para o vasto Sahel que xa padece unha praga de inseguridade, desprazamento e pobreza”.

Novos ataques de grupos terroristas

Entrementres, o país segue loitando contra os grupos terroristas xihadistas, que provocaron a deterioración no ámbito da seguridade coa que os militares xustificaron o golpe de Estado contra Bazoum. No mínimo 17 militares faleceron a terza feira nun ataque terrorista, despois da morte doutros sete soldados o domingo noutro ataque.

Comentarios