África Occidental négase a descartar unha intervención militar en Níxer

A Xunta Militar nixerina conforma un Goberno e continúa enfrontando as ameazas da Cedeao, que rexeita desbotar a opción militar para tratar de restaurar o presidente Bazoum no posto.
Bola Tinubu, líder nixeriano. (Foto: Sodiq / Europa Press / Contacto)
photo_camera Bola Tinubu, líder nixeriano. (Foto: Sodiq / Europa Press / Contacto)

O presidente de Nixeria, Bola Tinubu, que lidera a Comunidade Económica de Estados de África Occidental (Cedeao), subliñou a quinta feira ao final da reunión de xefes de Estado do organismo para abordar a situación en Níxer tras o golpe de Estado que “non se descarta ningunha opción, incluído o uso da forza como último recurso”, nunha xuntanza na que se aprobaron novas sancións contra os militares nixerinos.

Despois de incidir Tinubu en que agarda que “a través do noso esforzo colectivo poidamos lograr unha resolución pacífica como folla de ruta para restaurar a estabilidade e a democracia en Níxer”, a entidade trasladou un comunicado no que solicita aos titulares de Defensa dos países membros activar “a Forza de Reserva da Cedeao con todos os seus elementos de inmediato”.

Outra resolución sinalaba que se debía ordenar “a despregadura da Forza de Reserva da Cedeao para restaurar a orde constitucional na República de Níxer”, xunta outra resolución na que se recollía que a orde constitucional tiña que ser restaurada “por medios pacíficos”.

Pola súa parte, AP citou un alto diplomático estadounidense que sostivo que a Xunta Militar de Níxer afirmou que se a Cedeao lanzaba unha intervención militar mataría o deposto presidente, Mohamed Bazoum.

Entrementres, medra a oposición interna en Nixeria e Senegal a que o seu Exército participe nunha hipotética operación militar. Nese sentido, France24 alerta dun “efecto dominó” na rexión do Sahel no caso dun ataque militar, que Malí e Burkina Faso comunicaron que asumirían como unha declaración de guerra contra ambos os dous países.

Asemade, a Xunta Militar nixerina designou un novo Executivo con 21 ministros, e denunciou provocacións por parte de Francia, como o ataque a un grupo de militares ou a liberación de terroristas xihadistas, o que París nega. Bazoum era o principal aliado de Francia e dos Estados Unidos na zona. Porén, os militares de Níxer racharon a cooperación militar con Francia, que ten no país arredor de 1.500 soldados.

Fin das sancións

Xa en Bruxelas, a Unión Europea destacou o seu apoio ás decisións e sancións adoptadas pola Cedeao, após reclamar un ex presidente de Níxer, dez ex primeiros ministros e tres ex presidentes do lexislativo á entidade que rematase coas sancións coercitivas contra o país -un dos máis empobrecidos do planeta- por “insoportábeis, ineficaces e inadecuadas”.

Comentarios