A Xunta Militar de Níxer xulgará por traizón o presidente Bazoum

Intensifícanse os cortes de electricidade en Niamey como resultado das sancións coercitivas aplicadas por Nixeria a raíz dos acordos da Cedeao após o golpe de Estado.
Reunión da Cedeao. (Foto: Sodiq / Europa Press / Contacto)
photo_camera Reunión da Cedeao. (Foto: Sodiq / Europa Press / Contacto)

“Até o de agora o Goberno de Níxer reuniu probas para axuizar o presidente deposto e os seus cómplices locais e estranxeiros ante os organismos nacionais e internacionais competentes por alta traizón e socavar a seguridade interna e externa de Níxer”, trasladou a Xunta Militar que controla o país desde o golpe de Estado de finais de xullo, recolleron a segunda feira medios internacionais.

O presidente Mohamed Bazoum leva detido desde a sublevación, e tras as denuncias da Unión Africana (UA) e da Comunidade Económica de Estados de África Occidental (Cedeao) sobre o seu estado de saúde foi visitado polo seu médico o pasado sábado, quen corroborou que “está ben, considerando a situación”, sinalou unha persoa achegada.

O anuncio dos militares produciuse poucas horas despois da reunión entre a Xunta Militar de Níxer e unha delegación relixiosa de mediadores, que transmitiu a vontade do Exército nixerino de resolver a crise a través da vía diplomática. As acusacións contra Bazoum “poderían ser un intento dos militares de fortalecer aínda máis a súa posición en futuras negociacións”, explica Al Jazeera.

En paralelo, afástase cada vez máis a opción dunha intervención militar por parte da Cedeao para restituír a Bazoum no poder tras a suspensión a fin de semana dunha reunión de xefes das Forzas Armadas dos Estados membros para debater a cuestión.

Amais, Cabo Verde uniuse á República de Guinea, Burkina Faso ou Malí no seu rexeitamento a unha operación militar, incidindo en que “calquera intervención pola vía militar neste momento agravaría a situación”, xa moi deteriorada en ámbitos como o da seguridade na rexión do Sahel.

Nese sentido, o lexislativo da Cedeao impulsa unha misión de mediación coa Xunta Militar que estará dirixida polo vicepresidente do Parlamento, o nixeriano Idris Wase, que reiterou a súa oposición á saída militar, unha proposta que lidera o presidente de Nixeria Bola Tinubu.

Pola súa parte, o ministro de Defensa francés, Sébastien Lecornu, sostivo que non temen unha intervención militar estranxeira en Níxer, ratificando o seu “pleno apoio” ás decisións na última cimeira da Cedeao, que resolveu activar unha forza militar de reserva que afrontase unha posíbel intervención.

Ademais, a Xunta Militar nixerina volveu denunciar as “sancións ilegais, inhumanas e humillantes” da Cedeao, que están a “prexudicar gravemente” a poboación do país. France24 confirmou que os cortes na subministración de electricidade no país están a empeorar, após o feche da transmisión de electricidade desde Nixeria.

Comentarios