A Unión Africana traslada o apoio a unha intervención militar en Níxer

Líderes dos Exércitos da Cedeao xúntanse en Ghana con posterioridade á aprobación dun consentimento para a intervención militar en Níxer por parte da entidade.
Mohamed Bazoum. (Foto: Bernd von Jutrczenka / dpa Pool / dp)
photo_camera Mohamed Bazoum. (Foto: Bernd von Jutrczenka / dpa Pool / dp)

Musa Faki Mahamat, presidente da Comisión da Unión Africana, comunicou a sexta feira o apoio “contundente” da entidade á decisión da Comunidade Económica de Estados de África Occidental (Cedeao) a quinta feira de activar unha forza militar de reserva para unha hipotética intervención en Níxer que devolva ao poder o presidente Mohamed Bazoum, deposto por unha Xunta Militar a raíz dun golpe de Estado a finais de xullo.

Asemade, sinalou a súa “preocupación” polo estado de Bazoum, indicando que “fontes achegadas afirman que a situación en torno ao presidente estase a deteriorar”, antes de definir o trato que está a recibir de parte dos militares como “inaceptábel”.

Tamén Francia remarcou o “pleno apoio” ás decisións da Cedeao. Bazoum era o principal aliado de París e de Washington no Sahel, e avalara a presenza militar de ambos os dous países en Níxer.

Un voceiro do organismo rexional trasladou ao tempo que os xefes dos Exércitos dos Estados membros participarán hoxe nunha xuntanza en Ghana.

Malia a presión de países como a República de Guinea, Burkina Faso, Malí, o Chad ou Alxeria en contra da intervención militar, ao que hai que engadir as críticas a esta posibilidade no interior de Nixeria -que lidera esta opción- ou Senegal, a Cedeao reiterou que activará a vía militar de fracasar as negociacións.

Aínda que a fin o domingo do ultimato da entidade á Xunta Militar de Níxer sen o inicio de accións militares deixou entrever vacilacións no seo da Cedeao, Alassane Ouattara, presidente de Costa do Marfil -que xunta Nixeria, Senegal e Benín confirmara que enviaría tropas-, informou logo da reunión da quinta feira de que xa foi “outorgado” o consentimento para unha intervención militar, e anunciou que enviará 850 soldados.

En todo caso, analistas de seguridade citados por Reuters explican que “unha forza da Cedeao podería tardar semanas ou máis en reunirse”, o que “podería deixar espazo para as negociacións”.

Neste sentido, Michael Shurkin, experto en política e seguridade de África Occidental, admitiu que “hai moi poucas posibilidades dunha solución diplomática”, subliñando que non hai indicios de que a Xunta Militar vaia retroceder, despois de rachar a cooperación militar con Francia e designar un novo Executivo, e fixo fincapé en que “a idea da intervención militar semella terribelmente arriscada”, após diversas advertencias sobre a posibilidade de que se converta nunha guerra rexional.

Comentarios