Rebelo de Sousa convoca eleccións en Portugal o 10 de marzo de 2024

Fica garantida a aprobación dos orzamentos do Estado do vindeiro ano.

O presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa, en setembro. (Foto: Europa Press / Contacto / Paulo Spranger / Global Imagen)
photo_camera O presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa, en setembro. (Foto: Europa Press / Contacto / Paulo Spranger / Global Imagen)

O presidente portugués, Marcelo Rebelo de Sousa, trasladou hoxe que o país desenvolverá comicios parlamentarios adiantados o 10 de marzo de 2024, mais dará tempo á Assembleia da República para que aprobe a finais deste mes os orzamentos do Estado de 2024 para brindar estabilidade ao país, polo que a dimisión do primeiro ministro, António Costa, non se formalizará até comezos de decembro.

Na súa intervención eloxiou o primeiro ministro do Partido Socialista (PS) pola súa renuncia, que considerou “un xesto elevado”, e agradeceulle a súa disposición a manterse no cargo até ser elixido un novo primeiro ministro.

A decisión chega logo da dimisión de Costa, que el xa aceptara, a raíz do escándalo de corrupción destapado a terza feira nunha operación xudicial na que foron detidas cinco persoas e imputado o ministro de Infraestruturas e o presidente da Agência Portuguesa do Ambiente.

Nesa xornada, a Procuradoria-Geral anunciou que Costa sería investigado no marco das pescudas vinculadas coa corrupción na concesión de dúas minas de litio perto da Galiza, e mais unha central de enerxía a partir de hidróxeno e un centro de datos en Sines, no Alentejo.

A canle SIC divulgou hoxe que un dos cinco detidos a terza feira, Vítor Escária, xefe de Gabinete de Costa, gardaba 75.800 euros en efectivo no seu despacho na residencia oficial do primeiro ministro. Costa destituíno e nomeou como sucesor o maior xeneral Tiago Vasconcelos.

A última enquisa difundida en Portugal antes da dimisión de Costa, a de Aximage nos últimos días de outubro, colocaba á cabeza o PS, con 78 escanos, moi por baixo da maioría absoluta que ostenta na actualidade grazas aos 120 asentos cos que conta na Assembleia.

En todo caso, non alcanzaría a maioría da Cámara nin pactando co resto de forzas progresistas, o Bloco de Esquerda (15), Pessoas-Animais-Natureza (6), o Partido Comunista (5) e o Livre (4).

Goberno coa ultradereita

Por detrás do PS estaría o conservador Partido Social Democrata con 69, reducindo a súa representación con respecto aos comicios de 2022. Así e todo, encabezaría o único bloque con posibilidades de sumar unha maioría parlamentaria, para o que precisaría das e dos 42 deputados que obtería a extrema dereita do Chega e dos 11 da Iniciativa Liberal.

Así e todo, especialistas en sondaxes entrevistados polo xornal luso Público explican que os liderados das formacións “serán decisivos”, predicindo que non haberá outra maioría absoluta e que “é pouco probábel que a dereita recúe".

Comentarios