António Costa dimite como primeiro ministro de Portugal

Un presunto escándalo de corrupción sacode o Goberno socialista de Portugal e protagoniza as portadas de toda a prensa lusa.
O primeiro ministro de Portugal, António Costa (Foto: Goberno de Portugal).
photo_camera O primeiro ministro de Portugal, António Costa (Foto: Goberno de Portugal).

Un presunto escándalo de corrupción sacode o Goberno socialista de Portugal e protagoniza as portadas de toda a prensa lusa. Axentes policiais rexistraron na mañá desta terza feira a residencia oficial do primeiro ministro, António Costa, que acaba de anunciar a súa dimisión ante o presidente Marcelo Rebelo de Sousa.

As sedes dos ministerios de Infraestruturas e Medio Ambiente tamén foron rexistradas, no marco dunha operación que investiga presuntas irregularidades na concesión da explotación de xacementos de litio e proxectos de hidróxeno verde na rexión de Trás-os-Montes, lindeira coa Galiza, así como a construción dun centro de datos na zona de Sines, no Alentejo.

No marco desta operación foron detidos o xefe de gabinete de Costa, Vítor Escária; o empresario e amigo persoal do líder do Goberno Diogo Lacerda (ao que o Goberno portugués encargou proxectos tan importantes como a privatización da aeroliña TAP) e mais o alcalde da localidade de Sines (Alentejo), o tamén socialista Nuno Mascarenhas.

O primeiro ministro portugués tamén foi incluído na investigación, se ben aínda non hai unha acusación forma contra el. “Fun hoxe sorprendido de que xa se instaurou contra min unha causa criminal, obviamente estou totalmente dispoñíbel para colaborar coa Xustiza en todo o que entenda necesario para achegar toda a verdade que sexa da materia que sexa”, dixo Costa antes de anunciar a súa dimisión.

De forma paralela, os actuais ministros de Infraestruturas, João Galamba, e Medio Ambiente, Duarte Cordeiro, así como o ex titular desta última carteira, João Pedro Matos, serán imputados formalmente como sospeitosos nesta causa.

Rexistros en máis de 40 lugares

Os rexistros arrincaron a primeira hora da mañá en máis de 40 lugares para investigar as concesións para a explotación de xacementos de litio nas localidades de Boticas e Montalegre (Trás-os-Montes), así como un proxecto para producir enerxía con hidróxeno nesta rexión e a construción dun centro de datos na zona de Sines.

A Fiscalía examina en concreto feitos susceptíbeis de constituír delitos de prevaricación, corrupción activa, corrupción pasiva e tráfico de influencias. Porén, a figura do primeiro ministro non formará parte da causa principal, senón que avanzará de forma independente, cun procedemento autónomo no ámbito do Tribunal Supremo de Justicia, xa que “é o foro competente” para examinar Costa, explicou o Ministerio Público.

Sete anos de Goberno

António Costa, que antes fora alcalde de Lisboa, e que deu o salto ao principal cargo político do país en 2015, deixa o Partido Socialista cunha maioría absoluta no Parlamento, unha estrañeza nunha Unión Europea (UE) marcada pola fragmentación.

De 62 anos, estudiou Dereito, e tras comezar unha carreira como Avogado do Estado, comezou unha carreira política a comezos dos anos 90 que derivou na súa entrada na Executiva do Partido Socialista e a súa incorporación como ministro nos Gobernos de António Guterres (actual secretario xeral das Nacións Unidas) e José Socrates.

En 2007 renunciou á carteira de Interior para optar á Alcaldía de Lisboa, posto que ocupou até o seu salto ao Executivo luso en 2015, despois de gañar as primeiras primarias abertas do Partido Socialista e unhas eleccións estatais marcadas polo rescate financeiro ao que se veu abocado Portugal.

Comentarios