Portugal

Presunta trama de corrupción: a Policía rexistra a residencia de António Costa e detén o seu xefe de gabinete

A Policía rexistra a residencia do primeiro ministro e os ministerios de Infraestruturas e Medio Ambiente, cuxos titulares serán imputados na causa, e detén o xefe de gabinete de Costa, Vítor Escária; o empresario e amigo persoal seu Diogo Lacerda e mais o alcalde de Sines, o tamén socialista Nuno Mascarenhas.
O socialista António Costa, primeiro ministro de Portugal. (Foto: Nicolas Maeterlinck / Belga / DPA)
photo_camera O socialista António Costa, primeiro ministro de Portugal. (Foto: Nicolas Maeterlinck / Belga / DPA)

Un presunto escándalo de corrupción sacode o Goberno socialista de Portugal e protagoniza as portadas de toda a prensa lusa. Axentes policiais rexistraron na mañá desta terza feira a residencia oficial do primeiro ministro, António Costa, así como as sedes dos ministerios de Infraestruturas e Medio Ambiente, no marco dunha operación que investiga irregularidades na concesión da explotación de xacementos de litio e proxectos de hidróxeno verde na rexión de Trás-os-Montes, lindeira coa Galiza.

Até o momento, aliás, foron detidos o xefe de gabinete de Costa, Vítor Escária; o empresario e amigo persoal do líder do Goberno Diogo Lacerda e mais o alcalde da localidade de Sines (Alentejo), o tamén socialista Nuno Mascarenhas. E, de forma paralela, os actuais ministros de Infraestruturas, João Galamba, e Medio Ambiente, Duarte Cordeiro, así como o ex titular desta última carteira, João Pedro Matos, serán imputados formalmente como sospeitosos nesta causa, segundo avanza o xornal Público.

Desde o equipo de António Costa confirmaron estas actuacións policiais e os rexistros na oficina de Vítor Escária, se ben evitaron facer unha valoración desta "acción xudicial". O propio primeiro ministro, aseguraron, desprazouse até o Pazo Presidencial para informar da situación en persoa ao xefe do Estado, o presidente Marcelo Rebelo de Sousa. En total efectuáronse máis de 40 rexistros en diferentes puntos do país.

Toda a investigación xira arredor dunha explotación de litio en Covas do Barroso, no municipio Montalegre (Vila Real, Trás-os-Montes), liderado tamén por unha dirixente do Partido Socialista de Portugal, Fátima Fernandes, e moi próximo á Galiza. As autoridades policiais estudan se na adxudicación do proxecto o Goberno luso puido incorrer nun "trato de favor" ás empresas EDP, Galp e REN, recollen medios locais, de igual forma que na concesión dun negocio de hidróxeno verde en Sines.

"Em face dos elementos recolhidos na investigação e por se verificarem os perigos de fuga, de continuação de atividade criminosa, de perturbação do inquérito e de perturbação da ordem e tranquilidade públicas, o Ministério Público emitiu mandados de detenção fora de flagrante delito do chefe de gabinete do Primeiro-Ministro, do Presidente da Câmara Municipal de Sines, de dois administradores da sociedade 'Start Campus' e de um advogado/consultor contratado por esta sociedade", informou a través dun comunicado o Ministerio Público portugués, que investiga os presuntos delitos de prevaricación, corrupción activa e pasiva e tráfico de influencias.

As forzas da oposición non tardaron en reaccionar e exixir explicacións e a asunción de responsabilidades por parte do Goberno. O principal partido opositor, o PSD de Luís Montenegro, convocou unha reunión de urxencia para a tarde desta terza feira dada a "gravidade" da situación, mentres o Bloco de Esquerda e o PCP demandaron "justiça rápida" e investigar "o que se tem investigar", caia quen caia. Máis aló foron o animalista PAN e o ultradereitista Chega, que exixiron a dimisión inmediata do ministro Galamba.

Comentarios