Israel bombardea edificios residenciais na Faixa de Gaza e deixa, polo menos, outras 21 mortes

O Exército de Israel confirmou que durante a madrugada desta sexta feira bombardeou "un centenar de obxectivos operativos na Faixa de Gaza", incluídos "túneles", "almacéns de municións" e "sedes operativas".
Un dos ataques israelís sobre a Faixa de Gaza (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa).
photo_camera Un dos ataques israelís sobre a Faixa de Gaza (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa).

Polo menos 21 palestinas e palestinos morreron e 79 resultaron feridos tras unha serie de bombardeos executados na madrugada desta sexta feira polas Forzas de Defensa de Israel (FDI) contra seis edificios residenciais na cidade de Jan Yunis, situada no sur da Faixa de Gaza.

Entre as vítimas mortais hai oito membros dunha mesma familia, segundo informou a axencia de noticias palestina WAFA.

Previamente, un grupo de relatores especiais de Nacións Unidas lamentou a "inacción da comunidade internacional" ante os crimes de guerra cometidos por Israel tanto na Faixa de Gaza como en Cisxordania, onde aumentaron as operacións do Exército israelí nas últimas semanas.

Pola súa parte, o Exército de Israel confirmou que durante a madrugada desta sexta feira bombardeou "un centenar de obxectivos operativos na Faixa de Gaza", incluídos "túneles", "almacéns de municións" e "sedes operativas".

A mesquita Al Omari

Segundo as informacións recollidas pola axencia palestina de noticias Maan, a mesquita alcanzada é a da Al Omari, no norte da Faixa de Gaza, que quedaría completamente destruída.

Este ataque súmase a outro executado a quinta feira contra a igrexa ortodoxa grega de San Porfirio, a máis antiga na Faixa, que se saldou coa morte de polo menos oito persoas. O edificio, que servía como refuxio para centos de desprazados, sufriu graves danos materiais.

As autoridades palestinas cifraron en máis de 3.800 os mortos polos bombardeos israelís contra o enclave, mentres que Nacións Unidas e diversas ONG alertaron do empeoramento da crise humanitaria en Gaza por mor do "cerco total" imposto por Israel.

Comentarios