Israel ultima a invasión e os seus plans de estabelecer un "novo réxime": "Moi cedo veredes Gaza desde dentro"

O Goberno de Palestina acusa Israel de "usar a escusa da defensa propia" para aplicar "plans colonialistas" e "socavar calquera oportunidade de aplicar a solución de dous Estados".
O ministro de Defensa israelita, Yoav Gallant, prometeu aos seus soldados que "cedo" verán Gaza "desde dentro". (Foto: Ariel Hermoni / GPO / DPA)
photo_camera O ministro de Defensa israelita, Yoav Gallant, prometeu aos seus soldados que "cedo" verán Gaza "desde dentro". (Foto: Ariel Hermoni / GPO / DPA)

"Agora ven Gaza desde lonxe, pero cedo poderán vela desde dentro. A orde chegará". Con estas palabras confirmou esta quinta feira o ministro de Defensa de Israel, Yoav Gallant, a inminente invasión terrestre da Faixa de Gaza, nunha batalla que tamén preveu "longa e dura". "Non hai perdón para isto. Só a aniquilación total da organización Hamás, das infraestruturas terroristas, de todo o que teña a ver cos terroristas e de quen queira que os enviase", salientou.

E esta sexta feira Gallant fixo público o plan "en tres fases" do Exército hebreo contra os territorios palestinos, que comezou con bombardeos aéreos, seguirá con "manobras tácticas" e operacións "de menor intensidade" contra "focos de resistencia", e espera terminar coa declaración dun "novo réxime de seguridade" no enclave.

O ministro avanzou a estratexia israelita diante do Comité de Asuntos Exteriores e Defensa do Parlamento de Israel, a Knesset, e alí trasladou que nestes momentos están na primeira fase da campaña, que comprende "ataques aéreos que seguirán por unha manobra táctica co propósito de destruír a operativos e danar a infraestrutura de Hamás". Os ataques das súas Forzas Aéreas, porén, levaron xa por diante decenas de hospitais, escolas e outras infraestruturas civís e afectaron até unha de cada catro vivendas na Faixa.

A segunda fase, subliñou, consistirá nunha serie de "operacións intermedias a menor intensidade para eliminar focos de resistencia".  E o "terceiro" e definitivo paso, engadiu, "consistirá na creación dun novo réxime de seguridade na Faixa de Gaza" que pasará polo "final de toda responsabilidade israelita sobre a vida cotiá" no enclave. Por último, dixo, "a creación dunha nova realidade de seguridade para os cidadáns de Israel e os residentes gazatíes".

Fontes da Canle 12 israelita aseguraron que Yoav Gallant xa creou un grupo de expertos para o "día despois da eliminación de Hamás" que abordará o status do enclave e será o encargado da súa administración e a futura relación con Israel no caso de que a campaña israelí termine con éxito.

"Israel escúsase na defensa propia para aplicar plans colonialistas"

Fontes do Goberno palestino, pola súa parte, acusou esta sexta feira Israel de "usar a escusa da defensa propia" para aplicar "plans colonialistas" e "socavar calquera oportunidade de aplicar a solución de dous Estados", en referencia aos miles de bombardeos contra a Faixa de Gaza nos últimos días.

As mesmas fontes salientan que "cos seus ataques contra civís desarmados, Israel tamén está a bombardear o Dereito Internacional e os principios sobre Dereitos Humanos", antes de abundar en que as autoridades israelitas "lanzaron campañas para enganar o público internacional e demonizar o pobo palestino e mais a súa causa".

Comentarios