Suráfrica reitera ao tribunal da ONU que debe frear o xenocidio en Gaza e denuncia a "impunidade institucionalizada"

Solicitado un alto o fogo e que se garanta a entrada de axuda humanitaria.
Corte Internacional de Xustiza. (Foto: CIX)
photo_camera Corte Internacional de Xustiza. (Foto: CIX)

O ataque israelí a Rafah non é só a constatación do “patrón xenocida” da agresión militar a Gaza, senón a “última etapa da aniquilación total da vida palestina”, sen a cidade “perderase para sempre” a posibilidade de reconstruír a Faixa, subliñou a quinta feira o avogado Tembeka Ngcukaitobi, no marco da audiencia na Corte Internacional de Xustiza (CIX) reclamada por Suráfrica pola deterioración da situación no enclave.

Na terceira sesión deste tipo desde que denunciou Israel por xenocidio, o país africano defendeu diante do tribunal, o principal órgano xudicial da Organización das Nacións Unidas (ONU), que debe ordenar a fin das operacións militares israelís en Gaza e que o réxime de apartheid sionista permita a entrada sen restricións de axuda humanitaria e do funcionariado da ONU e doutros organismos de axuda.

Responsabilidade colonial

Na audiencia, Vusimuzi Madonsela incidiu en que Israel “cre erroneamente, dada a falta de contramedidas por parte da comunidade internacional, que está exento de ter que respectar o dereito internacional”, asegurando que “esta impunidade institucionalizada levouno a este xenocidio que conmocionou a conciencia da humanidade”.

O embaixador surafricano nos Países Baixos -sede da Corte-, Mandonsela, cuestionou o que “semella unha forma de amnesia e negación por parte das antigas potencias coloniais”.

Prevención do xenocidio

A CIX xa reclamou a finais de xaneiro a Israel que garantise que non se produza un xenocidio e que non obstaculizase a entrada de axuda humanitaria, mais sen adoptar novas medidas ante este incumprimento.

A sexta feira será a quenda da representación de Israel de expor os seus argumentos perante o tribunal.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios