Israel lanza a ofensiva sobre Gaza mentres recrúa unha guerra que xa se cobrou máis dun milleiro de vidas en dous días

O Goberno israelí ordena o "bloqueo total" de Gaza, cortando a chegada de todos os subministros e alimentos, en resposta aos ataques de Hamás durante a fin de semana, polo que as autoridades palestinas urxen a mediación da comunidade internacional para evitar que "a maquinaria de guerra israelí mate todo palestino en Gaza". En Israel, a oposición aparca as súas diferenzas co Goberno e fecha filas arredor de Netanyahu.
Edificios derrubados e centos de vítimas en Ashkelon (Israel) e Gaza (Palestina). [Fotos: Ilia Yefimovich / Yousef Mohammad / Zhang Tianlang via Europa Press)
photo_camera Edificios derrubados e centos de vítimas en Ashkelon (Israel) e Gaza (Palestina). [Fotos: Ilia Yefimovich / Yousef Mohammad / Zhang Tianlang via Europa Press)

Israelíes e palestinos volven estar, oficialmente, en guerra. O Consello de Seguridade de Israel aprobou na tarde deste domingo a declaración do estado de guerra na totalidade do seu territorio e esta segunda feira recibirá, con total seguridade, o 'si' definitivo do Parlamento, a Knesset. A nivel político, as forzas da oposición están decididas a aparcar as súas duras críticas ao Goberno de Benjamin Netanyahu por mor da súa polémica reforma xudicial, que suporía, alertaron nos últimos meses, unha considerábel debiltación do poder que ostenta o Tribunal Supremo e practicamente unha 'carta branca' ao Executivo.

Mais iso fica agora nun segundo plano na Knesset, disposta a apoiar a ofensiva militar de Netanyahu, que xa o propio sábado, cando empezaron os ataques desde Gaza, advertía do inicio dunha "guerra imposta por un ataque asasino de Hamás". A "primeira fase" do seu plan era repregar os centos de milicianos palestinos que se adentraron nas localidades israelíes máis próximas á Franxa e dos que hoxe, 48 horas despois, aínda quedan moitos despregados sobre o terreo, en cidades que as autoridades de Israel ordenaron evacuar.

E o seguinte paso é "iniciar a ofensiva, sen reservas e sen tregua, até alcanzar os obxectivos", dixo o primeiro ministro. Isto podería traducirse nunha invasión total de Gaza por parte do Exército israelí, que ao longo desta pasada noite realizou numerosos ataques con medios aéreos e de artillaría co fin de "asestar un golpe fatal ás capacidades de Hamás" e que incluíron o derrubamento de numerosos edificios desde os que, segundo o Goberno de Netanyahu, operaban os altos mandos de Hamás.

No marco desta estratexia bélica, o Executivo está disposto a levar até o extremo o bloqueo ao que desde hai anos está sometida Gaza: "Imporemos un completo asedio. Nin subministro eléctrico, nin comida, nin auga, nin combustíbel. Todo estará fechado desde agora. Estamos loitando contra animais e actuaremos da mesma forma", dixo o ministro de Defensa, Yoav Gallant.

Como consecuencia destes ataques, as autoridades palestinas informaron dun mínimo de 436 mortos e outras 2.300 persoas feridas desde que comezaron os enfrontamentos armados, por volta duns 700 falecidos e perto tamén de 2.300 feridos do lado israelí, segundo fontes de Tel Aviv. Aliás, permanecen retidos como reféns arredor de 130 israelíes en Gaza, un cento por Hamás e outros 30 pola Xihad Islámica. Pola súa parte, as Forzas Armadas de Israel capturaron un alto cargo de Hamás, Mohamed Abú Ghali.

E aínda quedan uns seis puntos de combate activos en terras de Israel próximas a Gaza, cuxos valados fronteirizos seguen a atravesar milicianos palestinos, tal e como vén de recoñecer o portavoz do Exército israelí, o coronel Richard Hertz. O seu ministro de Seguridade Nacional, Itamar Ben Gvir, anunciou a primeira hora desta segunda feira a activación dunha orde de emerxencia que permitirá armarse á poboación civil que cumpra os requisitos para portar armas de fogo a modo de "defensa propia".

Hamás, de feito, asegura que atacou nas últimas horas o aeroporto internacional de Ben-Gurión, ao surleste de Tel Aviv, se ben aínda non transcenderon as consecuencias desta ofensiva. Tamén lanzou un "importante ataque" contra a cidade de Ashkelon, con máis dun cento de proxectís. E, namentres, Israel mantén outra importante fronte aberta na fronteira norte co Líbano, desde onde as tropas de Hezbolá atacaron diferentes posicións israelíes.

O temor a unha 'guerra total' medra na rexión sobre todo ante as advertencias de Netanyahu de ofrecer unha resposta "sen límites" ao que xa foi en número de vítimas o maior ataque —de Palestina sobre Israel, non así de Israel sobre Palestina— sufrido no último medio século, desde a guerra do Yom Kipur de 1973 que lanzaron Exipto e Siria o 6 de outubro daquel ano e que se estendeu durante case tres semanas, hai exactamente 50 anos. Até o momento acháronse perto de 250 cadáveres só no recinto no que se desenvolvía un festival de música esta fin de semana e que foi obxecto dun sorpresivo e duro ataque armado das milicias de Hamás.

No medio de todos estes ataques estarían dous cidadáns do Estado español segundo vén de advertir o ministro de Asuntos Exteriores en funcións, José Manuel Albares, que avanza que estas persoas sufriron "o ataque de Gaza a Israel", aínda que non detalla o seu estado. "Estamos en contacto coas súas familias e tentando aclaralo e poder axudar en todo o posíbel" trasladou esta segunda feira, nunha entrevista en RAC1.

E desde o Goberno de Palestina urxen a mediación da comunidade internacional para evitar que "a maquinaria de guerra israelí mate todo palestino en Gaza", tal e como advertiu o propio Netanyahu, que instou a poboación gazatí a "fuxir" e evacuar o territorio ao completo antes de lanzar a súa grande ofensiva militar —algo practicamente imposíbel na práctica por mor do bloqueo e control de fronteiras que padece a Franxa—. O ministro de Exteriores palestino, Riad al Maliki, pediu o apoio dos seus homólogos na Liga Árabe de países, aos que convocou con carácter de urxencia-

Al Maliki critica a comunidade internacional por "non asumir as súas responsabilidades" e "ignorar os chamados de Palestina" ante os "crimes que ocorren diariamente" no seu territorio, tanto en Cisxordania como en Gaza, cun pobo "asesiado" polas tropas israelíes. Entre tanto, a oenegué Human Rights Watch (HRW) acusa esta segunda feira ambas as partes involucradas no conflito de cometeren crimes de guerra e incumpriren as súas obrigas legais, polo que demanda a israelíes e palestinos o "respecto" do Dereito Internacional e pór fin aos "abusos".

"Os asasinatos deliberados de civís, a toma de reféns e os castigos colectivos son crimes atroces que non teñen xustificación. Os ataques ilegais e a represión sistemática que afectaron a rexión durante décadas continuarán mentres non se teñan en conta os Dereitos Humanos e a rendición de contas", censurou o director de HRW para Israel e Palestina, Omar Shakir.

Comentarios