O ataque de Israel sobre a poboación palestina de Xinin deixa oito mortes

A Autoridade Palestina denuncia o asasinato de 185 persoas neste ano.

Columna de fume após un bombardeo de Israel sobre o campamento de refuxiados de Xinín, ao norte de Cisxordania (Foto: Europa Press / Contacto / Mohammed Nasser).
photo_camera Columna de fume após un bombardeo de Israel sobre o campamento de refuxiados de Yenín, ao norte de Cisxordania. (Foto: Europa Press / Contacto / Mohammed Nasser)

Cando menos oito persoas palestinas morreron e máis de 50 resultaron feridas a mans do Exército de Israel no marco dunha operación lanzada esta segunda feira na cidade cisxordana de Xinin, que incluíu bombardeos contra varios puntos da localidade e ataques contra o campo de refuxiados da cidade, segundo confirmaron as autoridades palestinas.

O Ministerio de Sanidade palestino sinalou que das 50 persoas feridas, até 10 están en estado crítico, polo que non se descarta que o número de vítimas mortais do ataque poida ascender. Ademais, a institución sanitaria tamén indicou que outro palestino morreu despois de ser abatido a tiros polas forzas israelitas na cidade cisxordana de Al Biré, nun suceso que aparentemente non está relacionado coa operación militar sobre Xinin.

Previamente, o departamento palestino identificou catro das persoas falecidas en Xinin, ao tempo que especificou que as tres primeiras morreron tras recibir disparos no peito, mentres que a última foi disparada na cabeza durante a operación.

O balance de mortes palestinas a mans da represión israelita, segundo as autoridades, ascende xa a 185 desde o inicio do ano. Neste contexto, o portavoz da Autoridade Palestina, Nabil Abu Rudeina, asegurou que "a seguridade e a estabilidade non se lograrán na rexión a non ser que o pobo palestino así o sinta" e que o acontecido en Xinin trátase "dun novo crime de guerra" contra un "pobo indefenso".

O Goberno palestino reclamou unha "acción internacional urxente" para deter "inmediatamente" a "bárbara agresión" de Israel e reclamou ao Tribunal Penal Internacional (TPI) que "rompa o seu silencio e empece a facer que os criminais de guerra israelitas rendan contas".

Comentarios